A Deputación leva este venres a Dozón “Mesura”, un espectáculo de danza para todos os públicos enmarcado na nova edición do circuíto provincial +Escénicas

“Mesura”, de Raquel Ferradás, representarase o venres 15 de maio ás 16:00 horas no CEIP Pío Cabanillas Gallas

13/05/2026

A Deputación de Pontevedra leva este venres 15 de maio a Dozón unha nova edición do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Nesta ocasión, trátase do espectáculo de danza “Mesura”, a cargo da Raquel Ferradás, que se representará no CEIP Pío Cabanillas Gallas a partir das 16:00 horas.

“Mesura” constitúe un baile á espera nos diferentes momentos na vida. O mar terá un papel protagonista nos movementos de Ferradás, simbolizando tanto cando está en calma e tranquilo como cando as ondas irrompen sen aviso. O espectáculo transmite a continua transformación dos mares desesperados, que arrastran penas e as fan avanzar de forma automática ou consciente, e que traen correntes de aire que poden afogar ou devolver un aroma fresco a salitre.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha, contando nesta anualidade con 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.