A Deputación chega a Silleda este sábado con +Escénicas e a obra “Marcho que teño que marchar”

Inventi Teatro representará este espectáculo, dirixido a un público adulto, no Salón parroquial Santa Eulalia ás 19:00 horas

04/03/2026

A Deputación chega a Silleda este sábado con +Escénicas e a obra “Marcho que teño que marchar”

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 7 de marzo o circuíto +Escénicas ao concello de Silleda da man da compañía Inventi Teatro, que representará “Marcho que teño que marchar” no Salón parroquial Santa Eulalia ás 19:00 horas. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.

Programado no Festival Cabaret da Cidade de México en 2023, o espectáculo “Marcho que teño que marchar” é unha divertida sesión de contos e tamén un espazo para a reflexión sobre os roles e as desigualdade de xénero. Nun escenario convertido na casa familiar, Bea Campos relata secretos sobre a súa familia mentres cociña, bebe e traballa entre cancións, coplas e conxuros.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril do pasado ano e este mes de marzo representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.