A Deputación esgota en menos de 24 horas as 300 prazas para participar no programa provincial +Bosques do mes de agosto
Os vinte percorridos para gozar das vantaxes dos baños de bosques terán lugar os sábados e domingos do mes, desde o sábado 1 ata o domingo 30 de agosto, por Barro, Silleda, Poio, Pontevedra, Campo Lameiro e Valga
21/07/2026
A Deputación de Pontevedra esgota en menos de 24 horas as 300 prazas dispoñibles para participar nas actividades de agosto do programa +Bosques, trala apertura do prazo este luns ás 9:00 horas da mañá. Esta iniciativa, que promove o contacto directo coa natureza, permitirá ás persoas participantes (15 por quenda) gozar das vantaxes dos “baños de bosques” nun total de 20 percorridos que terán lugar en espazos naturais de diferentes concellos da provincia.
Os percorridos do mes de agosto comezarán o día 1 pola contorna do Río Lérez (Pontevedra), un percorrido que se repetirá o 23 de agosto, e continuarán pola Barosa (Barro), o 2 e 29 de agosto; polo Pazo de Lourizán (Pontevedra) o 8 e 30 de agosto; pola Illa de Tambo (Poio) o 9 de agosto; por Valga o 15 de agosto, pola contorna do mosteiro de Carboeiro (Silleda) o 16 de agosto; e pola contorna do río Maneses no Campo Lameiro o 22 de agosto.
Este ano, +Bosques chegará a sete espazos da costa e o interior da provincia a través dos cales se poderá coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do baño de bosque e a conexión directa en e coa natureza. Deste xeito, promoverase a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como realizaranse exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia. O prazo para inscribirse nas últimas rutas de +Bosques, que terán lugar no mes de setembro, abre o 24 de agosto ás 9:00 horas.
