A Deputación avanza que este mércores aprobará 96.000 euros para construír unha pista de pump track en Barro

O deputado provincial Ricardo Martínez visitou as instalacións, onde se van investir recursos provinciais do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para atender a demanda do goberno local

31/03/2026

A Deputación avanza que este mércores aprobará 96.000 euros para construír unha pista de pump track en Barro

O deputado provincial Ricardo Martínez visitou Barro, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra aprobará na Xunta de Goberno deste mércores unha inxección económica de 96.549 euros para construír unha pista de pump track na zona de Outeiro, ao carón da piscina municipal. Trátase da case totalidade dos recursos que lle corresponden a Barro ao abeiro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.

Ricardo Martínez deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, que permitirán construír unha pista de pump track, así como acondicionar a parcela coa instalación dun novo peche e iluminación. En concreto, ademais da nova construción, levaranse a cabo actuacións como o desmonte do peche existente, escavación de gabia para zapata de muro de peche, execución de peche de parcela formado por muro de formigón armado e malla, outros traballos como escavación de pozo, retirado da capa vexetal, etc., axardinamento das illas interiores, instalación de columna e iluminación e proxectores e, entre outros, adaptación do portalón de entrada.

“O municipalismo e o deporte son dúas das nosas prioridades, e esta actuación é unha boa mostra diso”, asegurou Ricardo Martínez, que lembrou que “cando nos referimos á provincia do deporte referímonos tamén ao impulso que estamos a dar desde a Deputación para modernizar instalacións deportivas nos concellos a través dos Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas Imos xa pola súa terceira edición, que conta con 8 millóns de euros de orzamento que, sumados ás dúas anteriores, supón un investimento de 20 millóns de euros en tres anos”.