A Deputación de Pontevedra destina a Meis 105.000 euros para a construción de dúas pistas de pádel e pickleball
O deputado provincial Javier Tourís visitou o pavillón municipal do Mosteiro, onde se van investir recursos provinciais do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para atender a demanda do goberno local
26/02/2026
O deputado provincial Javier Tourís visitou hoxe o pavillón municipal do Mosteiro, en Meis, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra aprobará na Xunta de Goberno deste venres unha inxección económica de 104.572 euros para construír unha pista de pádel e outra de pickleball. Trátase da totalidade dos recursos que lle corresponden ao Concello de Meis ao abeiro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros para que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia impulsen a construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.
Javier Tourís deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, que consistirán, principalmente, na construción de novas pistas deportivas de pádel e de pickleball na contorna do pavillón de deportes do Mosteiro, ademais de acondicionar e humanizar o espazo. O proxecto inclúe a preparación da contorna para un novo pavimento, muros de contención, execución de rede de pluviais e soleiras de formigón, montaxe da pista de pádel e a de pickleball e, entre outros, instalación de letras indicativas e pintados de novas prazas de aparcamento.
“O municipalismo e o deporte son dúas das nosas prioridades, e esta actuación é unha boa mostra”, asegurou Javier Tourís, que lembrou que “cando nos referimos á provincia do deporte referímonos tamén ao impulso que estamos a dar desde a Deputación para modernizar instalacións deportivas nos concellos a través dos Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas. Imos xa pola súa terceira edición, que conta con 8 millóns de euros de orzamento que, sumados ás dúas anteriores, supón un investimento de 20 millóns de euros en tres anos”.
