Luis López anuncia unha suba do 61 % nas axudas a producións audiovisuais, cun apoio novidoso para documentais, que fai das Rías Baixas un plató de primeira

O mandatario provincial, acompañado polo deputado Jorge Cubela, sinala a promoción do destino turístico e o impulso á economía, emprego e cultura como os froitos da alianza estratéxica entre a Deputación e o audiovisual

19/05/2025

Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, remarca o apoio do organismo provincial a un sector con tanta importancia na economía, a promoción do turismo e no ámbito cultural coma o audiovisual coa presentación dunha nova edición do programa Rías Baixas Acción, unha iniciativa encamiñada a impulsar as producións audiovisuais e reforzar a alianza estratéxica entre a Deputación e o sector audiovisual. Acompañado polo deputado de Cultura, Jorge Cubela; e representantes da Academia Galega do Audiovisual e da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), Milo Baños e Uxía Caride, o mandatario provincial presentou as liñas mestras dunha nova edición que chega cun incremento do 61 % no orzamento e cunha liña novidosa de apoio ás producións documentais. “Falamos dun sector que é clave para a provincia. A Deputación é a casa amiga do audiovisual, un motor importante para a economía, o turismo e a cultura. Somos unha grandísima potencia cultural, por iso é fundamental a alianza entre a provincia e o sector audiovisual”, subliñou o presidente.

Despois da boa acollida que tivo a última edición do Rías Baixas Acción, que contou cun orzamento de 105.000€ do que se beneficiaron seis produtoras; este programa de apoio á produción de obras audiovisuais regresa este ano cargado de novidades. A primeira está relacionada directamente coa contía económica, cun orzamento que medra ata os 170.000€. A segunda pasa pola incorporación dunha segunda liña de actuación para apoiar a produción de obras documentais dotada con 70.000€, mentres que os 100.000€ restantes destínanse ao patrocinio de curtas, longametraxes e series. E o terceiro aspecto novidoso abre a posibilidade dos solicitantes de presentar dous proxectos, un por cada liña. Así, a Deputación ofrece ata 25.000€ para financiar longametraxes, 3.500€, para curtas; e 15.000€, para series ao abeiro da liña 1. Mentres que na novidosa Liña 2, o apoio acada os 7.000€ para documentais longos, 3.000€, para documentais curtos; e 3.000€ para podcasts documentais. As solicitudes poderán presentarse tan pronto como se publiquen as bases no BOPPO ata o 30 de agosto deste ano.

Neste sentido, resaltou o presidente o carácter aberto e colaborador da Deputación para escoitar as necesidades do sector e achegar solucións. “No estilo que temos nesta Deputación, que é escoitar e entender para logo atender, articulamos unha das grandes novidades do Rías Baixas Acción para o ano 2025”,recoñeceu López sobre o novidoso apoio aos documentais sinalando ao deputado Jorge Cubela como o artífice desta nova mostra de apoio e sensibilidade co sector. Pola súa banda, o deputado fixo fincapé na colaboración da Deputación coas institucións do audiovisual galego para confirmar este apoio estratéxico. “Hai só uns días, da man da Academia Galega do Audiovisual, presentamos unha das nosas iniciativas máis destacadas, o Ciclo Mestre Mateo”, ilustrou Cubela. Unha colaboración sólida que recoñecen no propio sector. “Reiteramos o noso agradecemento pola importancia que esta Administración lle mostra ao audiovisual galego”, afirmou Milo Baños, da Academia Galega do Audiovisual. “Nesta Deputación sempre atopamos unha man tendida”, engadiu Uxía Caride, de AGAPI.

A relación da Deputación co sector audiovisual non se limita unicamente a este programa de patrocinio de producións. Hai dúas semanas, o presidente Luis López presentaba o programa de patrocinio a festivais audiovisuais da provincia, o Rías Baixas Film Fest. Un apoio que se une a certames como Mulleres no Foco ou a colaboración para levar o mellor audiovisual a toda a provincia con acontecementos históricos coma a celebración da cerimonia de entrega dos Premios Mestre Mateo en Lalín.

“O audiovisual nos reporta un escaparate internacional cuxos froitos recollemos no turismo, con tanta xente que quere vir descurbrir as Rías Baixas e logo repite. Un sector que reparte a súa riqueza do xeito que máis nos gusta nesta Deputación: por todos os recunchos da provincia os 365 días do ano. E tamén é importante que atrae centos de traballadores que descobren esta provincia e se converten en embaixadores de excepción no seu lugar de orixe”, concluíu o presidente provincial, quen amosou o seu agradecemento polo labor deste sector, reafirmou o apoio da Deputación e convidou a toda a cidadanía a consumir estas obras audiovisuais para “non só descubrir historias inesquecibles, tamén para comprobar que vivimos nun paraíso como son as Rías Baixas”, rematou Luis López.

Galerias de imaxes

audios