Luis López asina coa alcalde da Lama, David Carrera, unha achega de 600.000€ da Deputación para humanizar a Avenida do Concello e rúa Manuel Tosar
O presidente provincial recibe o rexedor no Pazo Provincial para selar un acordo co que o ente provincial financia o 100% do custo da actuación combinando os recursos do Plan Extra e o +Provincia para completar a transformación do centro urbano do concello
15/10/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina co alcalde da Lama, David Carrera, o convenio para a mellora da accesibilidade e a seguridade peonil na Avenida do concello e na rúa Manuel Tosar. Un proxecto enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Carrera selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 605.600 euros para financiar o 100 % dunha obra a través da combinación dos recursos do Plan Extra (500.000€) e do +Provincia (105.600€). Unha inxección de fondos provinciais para “un proxecto estratéxico financiado ao 100% pola Deputación que vai transformar un espazo público nunha contorna con alto valor patrimonial e natural”, afirmou o presidente despois de asinar o acordo.
O proxecto consiste na intervención nunha área de case 4.000 metros cadrados que abrangue a Avenida do Concello e a rúa Manuel Tosar Ferro, así como o aparcadoiro e a unha zona axardinada a carón da casa consistorial. O entorno no que se vai intervir está especialmente caracterizado pola presenza de importantes equipamentos e espazos públicos do municipio, como a Alameda, Casa do Concello, centro de saúde, colexios ou farmacia; polo a intervención pretende potenciar a fluidez e seguridade nas conexións peonís reducindo a presenza do tráfico rodado ao mínimo. As actuacións concretas formulan a recuperación do espazo público para os peóns, a través dunha plataforma compartida de prioridade peonil e redución da velocidade do tráfico. A proposta inclúe a creación dun espazo público peonil de acceso á praza da Alameda dende a rúa Manuel Tosar, en lugar da actual explanada asfaltada ocupada por vehículos e colectores de lixo e establecendo un sentido único de circulación para esta rúa. Tamén está previsto intervir no espazo de acceso á praza da Alameda e nunha parte do parque infantil para mellorar a súa funcionalidade dotándoo dun espazo de sombra e asentos. Unha nova e pequena praciña con pavimentos de calidade servirá de acceso ao supermercado, a praza principal e ao parque infantil, ao que tamén se poderá acceder a través dunha escaleira e zona axardinada desde un lateral da Casa do Concello. “Para concellos pequenos e humildes como o Concello da Lama son moi importantes este tipo de axudas, porque os recursos son limitados”, agradeceu o rexedor.
A sinatura deste acordo supón un novo paso adiante na colaboración da Deputación co Concello da Lama, onde tamén están en marcha proxectos dirixidos á mellora doutros espazos públicos de titularidade municipal e infraestruturas viarias a través doutros programas de colaboración.
