Luis López inicia o reparto de fondos do segundo Plan Extra polo Concello de Arbo, que recibe 0,54M€ para o ensanche da rúa entre Miguel Dávila e a PO-400

O presidente provincial asina co alcalde Horacio Gil unha achega de 500.000€ do Plan Extra que, unido á subvención de 44.000 do Plan +Provincia e aos 44.000€ que aporta o Concello, servirá para mellorar a seguridade e viaria cara o centro urbano do municipio

18/06/2026

Luis López inicia o reparto de fondos do segundo Plan Extra polo Concello de Arbo, que recibe 0,54M€ para o ensanche da rúa entre Miguel Dávila e a PO-400

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, inicia co alcalde de Arbo, Horacio Gil, a sinatura de convenios da segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, que neste municipio do Baixo Miño fará posible o ensanche do viario que conecta a rúa Miguel Dávila co a estrada PO-400 e que serve de acceso ao centro urbano. Un acordo asinado no marco dun programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Gil selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 544.000 euros a través dos recursos do Plan Extra e do +Provincia para financiar a maior parte dunha obra valorada en preto de 588.000€, dos que o Concello aporta 44.200€. Un investimento que supón unha nova mostra da aposta pola mellora da seguridade viaria, a mobilidade peonil e o impulso ás infraestruturas e as comunicacións da provincia.

O proxecto está valorado en 558.200€, dos que a Deputación achega medio millón de euros a través do Plan Extra e 44.000€ con cargo á presente anualidade do Plan +Provincia, os 44.200 € restantes proceden de fondos propios do Concello. A actuación céntrase no viario que conecta a Rúa Miguel Dávila coa estrada autonómica PO-400 e servirá para dotala de beirarrúas dunha anchura mínima de 2,5 metros. A estrada pasará a ser de plataforma única e a velocidade de circulación dos vehículos limítase a 30 km/h. Ademais, este viario atravesa dous camiños peonís existentes de acceso a fincas particulares que tamén serán repavimentados e contarán con nova iluminación para integralos na actuación e convertelos nun itinerario peonil atractivo e seguro para a zona. Trátase dunha intervención estratéxica para o Concello, pois mellorará a conexión viaria deste núcleo de Arbo e a súa contorna e facilitará a construción de novas vivendas co obxectivo de atraer máis poboación a medio prazo.

A colaboración da Deputación co Concello de Arbo non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten recibido de mans do organismo provincial nos menos de tres anos de mandato un total de 3,14M€ que serviron para executar proxectos como a ampliación do edificio dedicado a centro de atención á infancia a través da primeira edición do Plan Extra ou o acondicionamento do pavillón municipal a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

Galerias de imaxes