Luis López asina co alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, unha inxección de 560.000€ para financiar o 100% da reforma da nave de música
O presidente provincial recibe o rexedor no Pazo Provincial para selar un acordo co que mellora os servizos municipais e dinamiza a actividade dos colectivos culturais de Barro
29/07/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina co alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, o convenio para a rehabilitación da nave da música e a humanización da súa contorna, unha actuación enmarcada na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Fernández Abraldes selaron un acordo a través do cal o organismo provincial financia o 100% da obra cunha achega de 476.000€ a través do Plan Extra e completa o orzamento de 560.000, con 84.000€ procedentes do Plan +Provincia. “Estamos a realizar unha aposta clara polos pequenos e medianos concellos, pero tamén polas grandes cidades. Somos a Deputación de todos os concellos”, afirmou o presidente despois de asinar o convenio.
A nave da música de Barro é un lugar dedicado á formación musical con aulas de ensaios para os grupos musicais do concello. Concibido inicialmente como almacén, as condicións acústicas, lumínicas, de equipamento e de comodidade do edificio son case nulas polo que a solución proposta consiste en situar o o auditorio no centro do edificio e concentrar as aulas e os aseos nas dúas bandas laterais. Ademais, o espazo de chegada que ata agora funcionaba como aparcamento, converterase nun espazo de relación social que poida ser utilizado incluso para concertos ao aire libre cunha área verde para o asento do público. Con esta intervención, o edificio mellorará ademais o illamento térmico a través da substitución da caldeira por unha bomba de calor e tamén as condicións acústicas coa incorporación dun falso teito e un novo revestimento.
“Esta era unha instalación antigamente concibida para un almacén, que agora vai propiciar un espazo para ensaios do tecido musical e asociativo de Barro. Unha mellora que implicará a humanización da contorna, o illamento e a mellora da acústica. Unha actuación de 560.000€ financiada ao 100 % pola Deputación, con fondos do Plan Extra e +Provincia”, salientou o mandatario provincial. Pola súa banda, o alcalde de Barro afirmou que “estamos encantados de poder facer este tipo de actuacións e agradecidos polo apoio económico da Deputación, que está a ter en conta aos concellos da provincia, especialmente aos pequenos”.
A colaboración da Deputación co Concello de Barro non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten recibido de mans do organismo provincial nestes tres anos de mandato máis de 3M€ a través dos distintos plans de cooperación, ademais ambas as institucións colaboran noutras iniciativas coma as relacionadas co viveiro de empresas que a Deputación xestiona no polígono empresarial de Barro-Meis, “onde levamos moitas actuacións sempre da man”, concluíu o presidente Luis López.
