Luis López celebra a cooperación entre o Concello de Lalín, a Xunta e a Deputación para poñer á disposición da veciñanza un centro social valorado en máis de 800.000€

O mandatario provincial, xunto co alcalde José Crespo e a conselleira María Martínez Allegue, inauguran o novo edificio polivalente de Carragoso, no que a Deputación cubriu o 70 % do orzamento cunha achega de 560.000€

14/03/2026

Luis López celebra a cooperación entre o Concello de Lalín, a Xunta e a Deputación para poñer á disposición da veciñanza un centro social valorado en máis de 800.000€

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, achegouse este sábado ata Lalín para tomar parte do acto de inauguración do novo edificio polivalente de Carragoso. Unha nova infraestrutura pública que se pon á disposición da veciñanza na que a Deputación achegou 560.000 euros para financiar o 70 % dos máis de 800.000 euros de custo total do inmoble. Acompañado polo alcalde José Crespo e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, o mandatario provincial visitou un edificio que funcionará como centro social, ofrecendo un espazo moderno, amplo e versátil para que o tecido asociativo do Concello desenvolva as súas actividades. “Estamos moi satisfeitos de poder inaugurar obra executada en tempo e forma, que é froito da colaboración entre tres Administracións: Concello de Lalín, Xunta de Galicia e Deputación; e que marcará un antes e un despois para a veciñanza, cun centro social polivalente, funcional, estético e sustentable”, declarou o mandatario provincial.

A construción deste novo edificio é froito dun convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Lalín ao abeiro do programa PON2030 para o levantamento dun edificio público nunha parcela municipal de 748 metros cadrados público para uso polivalente. Trátase inmoble de 350 metros cadrados moderno, accesible, amplo e versátil equipado con salas polivalentes, cociña e zonas común. Un proxecto valorado en 816.000€, dos que a Deputación achegou o 70 %. Uns 482.000€ a través de fondos do programa PON2030 e 77.900€ a través do +Provincia para cubrir unha parte do financiamento que lle correspondía ao Concello. Os restantes 250.000€ aportounos a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

Un proxecto estratéxico feito realidade polo que o mandatario provincial deu os parabéns ao alcalde José Crespo. “Iniciativas como estas son posibles porque noutro lado da mesa sempre hai unha persoa aberta ao diálogo, que sempre ofrece solucións e que só pensa nunha cousa: mellorar as infraestruturas, os servizos e a calidade de vida da veciñanza de Lalín, tanto dos que viven no centro urbano como dos que viven nas parroquias. Refírome ao alcalde José Crespo, un referente do municipalismo, da defensa do rural e da atención integral ao veciño, viva onde viva”, salientou o dirixente provincial, quen agradeceu tamén as “ensinanzas” recibidas polo rexedor.

A colaboración da Deputación co Concello de Lalín non se limita unicamente á construción deste inmoble. No que vai de mandato, o goberno provincial ten mobilizados en Lalín máis de 9M€ para a mellora dos servizos e as infraestruturas municipais, como a adquisición de terreos na contorna do Lalín Arena, a rehabilitación da Casa de Don Álvaro, a ampliación do auditorio de Vilatuxe ou a mellora dos equipamentos tanto no Lalín Arena como no pavillón municipal. Un compromiso que este ano se ve reflexado nos 4,4M€ a través de plans como o +Provincia, o PEID e o Plan Extra.

Galerias de imaxes