Luis López destaca o impacto dos 0,5M€ investidos pola Deputación para transformar a praza de Santa María de Liñares das Neves nun punto de encontro para a veciñanza

O presidente provincial, acompañado polo alcalde Jose Manuel Alfonso, participa na inauguración da humanización da praza pública da parroquia de Liñares financiada ao 100 % pola Deputación ao abeiro do PON2030 e o +Provincia

17/09/2026

Luis López destaca o impacto dos 0,5M€ investidos pola Deputación para transformar a praza de Santa María de Liñares das Neves nun punto de encontro para a veciñanza

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de participar este xoves nas Neves no acto de inauguración da reforma da praza de Santa María de Liñares, un proxecto valorado en preto de 530.000 euros e financiado de xeito íntegro pola Deputación a través da combinación de programas provinciais de cooperación cos concellos como o PON2030 e +Provincia. Con esta actuación, a parroquia de Liñares gaña un novo espazo público na contorna da igrexa e o centro cultural deseñado para promover a mobilidade peonil por diante do tráfico rodado e fomentar o encontro entre persoas con novas zonas de estancia e espazos verdes. “O resultado final desta obra so se pode cualificar de espectacular. Falamos dunha contorna na que o protagonismo o adquiren as persoas e puntos de referencia como a Igrexa ou as festas que aquí se realizan. Convido a todos os veciños a desfrutar deste espazo, que o vou poñer como referencia para toda a provincia”, declarou o mandatario provincial nun acto no que tamén participou o alcalde das Neves, Jose Manuel Alfonso.

A actuación consistiu na reforma integral da praza de Santa María de Liñares a través da creación dunha gran área peonil dotada con zonas de estancia con elementos vexetais que favorecen a mobilidade a pé e o encontro entre persoas. Ademais, o deseño do proxecto potencia a imaxe dos dous edificios centrais: a igrexa e o centro cultural. O tráfico rodado, que antes dominaba o espazo, queda agora limitado nunha zona que conta tamén cunha nova parada de autobús. “Obras coma esta proxectan a imaxe das Neves e facilitan o apego para que a xente prefira vivir nun concello rural e non nunha gran capital”, salientou o dirixente provincial.

Neste sentido, López puxo en valor o labor do alcalde e o seu equipo de goberno á hora de planificar proxectos transformadores e ambiciosos coma esta humanización. “Chegar a este resultado non é doado. Detrás hai proxectos, licitacións, hai que buscar financiamento... e o alcalde foi moi hábil para conseguir os fondos e executar as obras con todas as dificultades que hai nestes tempos, soubo sobrepoñerse a eses problemas e fixo realidade un proxecto transformador e estratéxico”, subliñou o presidente provincial, para remarcar tamén o compromiso da Deputación coa colaboración con concellos do interior da provincia, rurais, de reto demográfico e con recursos limitados como o das Neves.

Con todo, a pegada da Deputación no Concello das Neves vai máis aló da urbanización da Praza de Santa maría de Liñares ao abeiro do programa PON2030. No que vai de mandato, a Deputación ten mobilizados neste concello máis de 4M€ a través de distintos plans de cooperación que están a posibilitar proxectos para a mellora de instalacións deportivas ou a urbanización de parcelas municipais.

Galerias de imaxes

audios