Luis López presenta en Bruxelas o modelo comunitario da auga, referencia de futuro en Galicia e España, cun milleiro de proxectos en marcha apoiados pola Deputación

O presidente provincial, acompañado polo deputado Javier Tourís, defende diante de dirixentes de países da Unión Europea o modelo de proximidade e sustentable das comunidades de usuarios de augas que está a espertar o interese doutros territorios

13/10/2026

Luis López presenta en Bruxelas o modelo comunitario da auga, referencia de futuro en Galicia e España, cun milleiro de proxectos en marcha apoiados pola Deputación

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de presentar en Bruxelas o modelo da Administración provincial para a xestión da auga a través dos plan de cooperación coas comunidades de usuarios de auga do territorio, os coñecidos como Plans +Aqua, que se resumen nun investimento de 8,5 millóns de euros, un milleiro de iniciativas veciñais para a xestión deste recurso atendidas e unha garantía de futuro para as máis de 6.000 entidades de poboación repartidas polos 4.500 quilómetros cadrados de superficie da provincia de Pontevedra. Acompañado polo deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís; o dirixente provincial expuxo diante de dirixentes de países da Unión Europea que están participando na capital belga na vixésimo cuarta edición da Semana Europea das Rexións o modelo das comunidades de usuarios de augas, un modelo único e propio da provincia de Pontevedra que está a espertar o interese doutros territorios nacionais e internacionais para adaptalo ás súas realidades.

“Terán escoitado iso de pensa global, actúa local. Viaxei 1.900 quilómetros desde Pontevedra a Bruxelas para mostrar o que facemos de verdade, con feitos e políticas reais. Un modelo de éxito, porque o di a súa historia; de responsabilidade compartida, porque é unha comunidade; necesario, porque responde ao cambio climático; e xusto, porque nace da xente e os beneficios retornan ao lugar de orixe. Este é o noso modelo. Non é a única solución, pero si un camiño cara a Europa que desexamos. Nada nos gustaría máis que desta presentación xurdiran unha, dúas ou ducias de comunidades de usuarios de auga europeas. En Pontevedra quedamos á vosa disposición para ofrecervos a nosa experiencia”, concluíu o presidente provincial a presentación do nacemento, funcionamento e resultados dos plans +Aqua e +Novaqua da Deputación.

Diante de representantes de países como Grecia, Bélxica, Italia, Portugal, Polonia, Romanía, Ucraína, Alemaña, Suecia, Chipre, Malta ou Países Baixos, Luis López detallou as principais conclusións destes plans impulsados polo actual goberno provincial, que van xa pola súa terceira convocatoria e que están a resultar un éxito absoluto de concorrencia. Cada convocatoria publicada destes plans superou todas as expectativas, o que levou á Deputación a ampliar as partidas orzamentarias de cada convocatoria e que elevou o investimento ata os 8,5 millóns de euros para atender a totalidade das solicitudes, preto dun milleiro. A través do Plan +Aqua, sinalou López, cada beneficiario recibe ata 10.000 euros para modernizar as captacións, canalizacións e sistemas de control comunitarios; mentres que co +Novaqua impúlsase a legalización e constitución de novas comunidades de usuarios de auga.

Con todo, antes de detallar o calado destes programas tanto para os colectivos como para frear o despoboamento do rural, Luis López quixo explicar aos dirixentes europeos que é unha comunidade de usuarios de auga, entidades veciñais pouco comúns nos países da Unión. “En distintas localidades de Europa proliferan as comunidades enerxéticas, pobos que aproveitan as condicións do terreo para autoabastecerse de enerxía. Pois na provincia de Pontevedra facemos algo similar, pero co abastecemento de auga”, resumiu López, antes de afondar máis na materia. “Unha comunidade de usuarios de auga é unha agrupación de veciños residentes nunha mesma aldea, localidade ou parroquia que se organizan para xestionar a subministración de auga aos seus fogares desde unha fonte próxima. Unhas fontes cuxo acceso non sempre é sinxelo. Atópanse en pozos a decenas centos de metros de profundidade ou en mananciais a decenas de quilómetros de distancia das casas. Este modelo non naceu hoxe, hai décadas que está en funcionamento. Imaxínen aos veciños dunha aldea de non máis de 100 ou 500 habitantes, sen grandes coñecementos en enxeñería hidráulica que conseguen organizarse para conducir a auga ata os seus fogares cos seus propios medios”, definiu o presidente.

Un modelo que despois de décadas so subsiste nas Rías Baixas. “A nosa provincia é o último bastión dun sistema sostible e comunitario que xurdiu dun país de raíz agrícola como Galicia, pero que aos poucos foi desaparecendo do resto de territorio español como Asturias ou País Vasco. E non só iso, senón que contamos co maior número de colectivos deste tipo de toda Galicia”, remarcou.

Sen embargo, a evolución da tecnoloxía, o reto demográfico e a globalización supón un rico para estas comunidades e foi aí onde entrou a acción da Deputación e os seus pioneiros plans +Aqua. “Cando tomamos posesión do goberno da Deputación no ano 2023, marcámonos como obxectivo estratéxico asegurar a viabilidade das comunidades de usuarios de auga, como garantes dun sistema de abastecemento moderno, sostible, participativo e democrático. Ata a data non se fixera nada. E nós puxémonos a traballar”, enmarcou López antes de subliñar os resultados destes programas. “É unha realidade que estas comunidades xa non podían afrontar soas os novos retos. Pero a nosa resposta non foi substituílas, senón fortalecelas combinando a capacidade da administración co coñecemento da comunidade e respectando unha tradición de xestión autóctona sen impoñer macrorredes centralizadas imposibles de manter. Así naceu esta alianza público-comunitaria”, concluíu o presidente da Deputación.

Ademais, López tamén quixo ilustrar as características particulares da provincia de Pontevedra para que os asistentes a este foro puideran ser conscientes de que a abundancia de auga nas Rías Baixas non garante a ausencia de problemas de secas puntuais ou desabastecemento. “Eu veño dunha España distinta á do imaxinario europeo: unha España atlántica, húmida e verde. Somos un territorio pequeno, pero aínda así, somos a segunda provincia da Península Ibérica con máis quilómetros de costa, un dos territorios europeos máis chuviosos e a provincia das 4 rías, 800 ríos, fervenzas, fontes ou augas termais, nas que xa se bañaban os romanos. Ata o no noso idioma, o galego, temos 70 palabras para designar a choiva”, contextualizou López.

A presenza de auga na provincia é abundante, pero os problemas para a súa xestión, tamén. “Temos auga? Si. Temos problemas? Tamén. Os nosos ríos son numerosos, pero o seu curso é curto, con gran pendente e pouco caudalosos, o que complica excesivamente a retención das súas augas. Somos unha das rexións máis chuviosas de Europa, pero cada ano sufrimos máis secas estivais que dificultan a subministración. E, ademais temos un territorio moi disperso: en Galicia contamos con case o 50% dos núcleos de poboación de España, dos que a nosa provincia aglutina máis de 6.000. Falamos de aldeas nas que viven persoas e ás que hai que asegurarlles o acceso á auga. Comprenderán a magnitude do reto”, introduciu López as condicións particulares dunha provincia cun modelo de xestión de auga propio e exportable: o modelo das comunidades de usuarios de auga.

Galerias de imaxes