Luis López recoñece o impulso do sector audiovisual á cultura e o turismo na provincia na súa visita a través de festivais de referencia como o de Cans, no Porriño
O mandatario provincial, acompañado polo deputado provincial e alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, sinala o aumento da contía e do número de festivais incluídos nos Rías Baixas Film Fest como mostra do compromiso da Deputación co cinema local
23/05/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asistiu este sábado ao Festival de Cans que se está a celebrar estes días no Porriño. O mandatario provincial participou na homenaxe que a organización dedicou este ano ao cineasta Julio Medem, que xa conta coa súa estrela no Torreiro de Cans, así como no emblemático desfile de chimpíns, unha marca característica deste festival.
O mandatario provincial recoñece que a celebración deste festival, que suma xa vinte e dúas edición, consolida á provincia como un territorio que protexe e promove a cultura, tanto a local coma doutras rexións que contan cada ano con representación neste festival. Ademais, o festival de Cans contribúe tamén a consolidar ás Rías Baixas como un destino turístico descentralizado ligado á cultura e ao territorio.
O festival de Cans conta co apoio da Deputación que, incluído na rede de festivais audiovisuais da provincia Rías Baixas Film Fest, recibe este ano unha axuda de 38.000€ para facilitar a organización e confección do programa. A marca impulsada polo goberno provincial dispón dun orzamento este ano de 200.000€, unha suba de 30.000€ con respecto ao ano anterior que permite a incorporación dun novo festival: a Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín. Un novo evento que se suma aos outros seis que xa formaban parte o ano pasado, que son: Festival de Cans, Play-Doc de Tui, FICBueu, Novos Cinemas de Pontevedra, Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía) e o Galician Freaky Film Fest de Vigo.
