A vicepresidenta Luisa Sánchez pon en valor a estreita relación entre os grandes eventos deportivos como a Triple Corona Illas Atlánticas e o impulso do turismo

17/07/2025

Luisa Sánchez pon en valor a Triple Corona Illas Atlánticas

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, destacou esta mañá "o efecto de arrastre que xera para o turismo a celebración de eventos deportivos de primeiro nivel, como a Triple Corona Illas Atlánticas, que exercen como un verdadeiro polo de atracción", na presentación desta proba deportiva na sede do Parque Nacional das Illas Atlánticas en Vigo. Sánchez puxo así en valor os múltiples puntos fortes do "noso territorio como escenario de grandes eventos deportivos".

A Triple Corona Illas Atlánticas celebra o seu décimo aniversario cun percorrido entre a Illa de Ons e Sanxenxo, de 13 quiilómetros, o mesmo que cando se puxo en marcha en 2015. Neste sentido, a vicepresidenta enxalzou as rías que bañan a provincia "impresionantes pola súa beleza, pero tamén porque reúnen as condicións ideais para a práctica de calquera deporte náutico" e aproveitou a ocasión para remarcar o firme compromiso da Deputación co deporte e coas entidades que o impulsan, e a vontade de converter á provincia "no gran estadio deportivo do mundo".