Luisa Sánchez recibe na sede da Deputación en Vigo a Esperanza Barreras, campioa do mundo de Stand Up Paddle Boarding

“Es un orgullo tanto para Vigo como para o conxunto da provincia de Pontevedra e quero que saibas que sempre atoparás na Deputación unha aliada e que contarás co noso apoio para poder seguir perseguindo os teus soños”, remarcou a vicepresidenta provincial

01/10/2024

Luisa Sánchez recibe a Esperanza Barreras

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, acaba de recibir na Sede de Vigo da institución provincial á viguesa Esperanza Barreras, campioa do mundo de Stand Up Paddle Boarding. Na recepción, a vicepresidenta provincial remarcou que “es un orgullo tanto para Vigo como para o conxunto da provincia de Pontevedra e quero que saibas que sempre atoparás na Deputación unha alidada e que contarás co noso apoio para poder seguir perseguindo os teus soños e traendo á provincia máis e máis medallas”.

Esperanza Barreras ten conseguido dous ouros e unha prata nos Campionatos do Mundo de SUP que acolleu recentemente Copenhague. “É unha honra que unha viguesa como ti se teña alzado co título mundial na proba de longa distancia e que, xunto coas túas compañeiras de equipo da selección española, teñas tamén alcanzado o primeiro posto” subliñou Sánchez quen tamén engadiu que a estas dúas medallas Barreras ten conseguido outra de prata na carreira técnica.

Na xuntanza, ademais de amosar a vontade de colaborar coa deportista, a vicepresidenta provincial tamén remarcou a importancia que ten o deporte para a Deputación e o obxectivo  de converter a Pontevedra  “na provincia do deporte”. “A verdade é que con persoas como ti, Esperanza, témolo verdadeiramente fácil. Con deportistas que colleitan éxitos competición tras competición e levan noso nome ao máis grande”.  Neste eido, Sánchez tamén puxo en valor o traballo que desenvolven os clubs e entidades deportivas na provincia, “sen cuxo esforzo diario o éxito de persoas como Esperanza Barreras sería imposible”, así como as infraestruturas deportivas que, “con programas como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que lanzamos este ano, están converténdose en equipamentos modernos e completos para a práctica do deporte”.

Galerias de imaxes