A Deputación mobilizará esta semana preto de 550 veciños de sete concellos da provincia coas saídas do programa +Convivencia
As persoas participantes visitarán enclaves da provincia como as illas Cíes, Ons e Sálvora, as rías de Arousa e Vigo ou a comarca de Deza
02/09/2025
A Deputación de Pontevedra continúa esta semana as saídas programadas ao abeiro do programa provincial +Convivencia con novas actividades que mobilizarán un total de 544 persoas chegadas desde os concellos de Agolada, A Estrada, Mondariz, Mos, Redondela, Vigo e Vilagarcía de Arousa. A veciñanza que participa no programa poderá visitar o Pazo Quinteiro da Cruz, as illas Cíes, Ons e Sálvora, o Mosteiro de San Xoán de Poio e o núcleo de Combarro, a comarca do Deza, así como realizar paseos en barco polas rías de Arousa e Vigo.
As saídas da semana do programa +Convivencia comezan o mércores 3 dun grupo de 50 persoas da Fundación Lar Pro Saúde Mental, de Vilagarcía de Arousa, que realizarán unha excursión á comarca de Deza. A seguinte actividade terá lugar o venres 5 de setembro da man da Asociación de Xubilados e Pensionistas San Pedro de Agolada, que viaxará a Tui cun grupo de 50 usuarios.
O sábado 6 de setembro terán lugar sete percorridos dos que catro serán realizados por entidades de Vigo: a Asociación de Veciños da Mina de Castrelos (cun grupo de 59 persoas que fará unha visita guiada ao Pazo Quinteiro da Cruz, en Ribadumia, e Vilagarcía de Arousa), a Asociación As da Bouza (con 58 persoas que farán unha visita guiada ás illas de Ons e Sálvora), a Unión Musical de Coruxo (49 persoas farán unha visita guiada ás illas Cíes) e a Asociación de Veciños de San Pedro de Matamá A Unión (40 persoas realizarán unha excursión ás illas de Ons e Sálvora). Nesa mesma xornada tamén gozarán de actividades de +Convivencia a Asociación de Veciñas e Veciños da parroquia de Orazo (A Estrada), cun grupo de 38 persoas que farán unha ruta costeira pola ría de Arousa; a Banda de Música Cultural de Mondariz, con 45 persoas que realizarán a Ruta do Mexillón pola ría de Vigo; e a Asociación Andaina de Persoas con Diversidade Funcional de Redondela, con 50 persoas que visitarán as illas Cíes.
As excursións da semana rematan o domingo 7, cando terán lugar as saídas escollidas polos usuarios da Asociación Cultural Xeración Nós de Borraxeiros (Agolada), que viaxará con 55 persoas ao Mosteiro de San Xoán e o núcleo de Combarro (Poio) e Portonovo (Sanxenxo); e polas usuarias da Asociación de Mulleres Rurais Val da Louriña (Mos), cun grupo de 50 persoas que realizarán un paseo en barco pola ría de Arousa.
+Convivencia, cun crédito de 275.000 euros (un 25% máis que na primeira edición) que xa está esgotado, está a permitir que 229 entidades sen fins de lucro coñezan o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. Neste ano, a Deputación ofertou un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, relixiosa ou popular, co Camiño de Santiago ou cos museos, entre moitas outras. Todas as propostas estaban abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPA da provincia.
A Deputación concede a cada entidade unha axuda de ata 1.200 euros (o ano pasado as axudas máximas eran de mil euros) para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Ademais, o número mínimo de persoas participantes en cada excursión é de 30, ou 20 no caso daquelas viaxes ou actividades nas que sexa necesario contratar autobuses e participen persoas con mobilidade reducida que precisen unha cadeira de rodas ou outras axudas técnicas.