A Deputación mobilizará esta fin de semana preto de 270 veciños de catro concellos da provincia coas saídas do programa +Convivencia
As persoas participantes visitarán enclaves da provincia como o Balneario de Mondariz, o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro e a Ría de Arousa e asistirán á Festa do Marisco do Grove
02/10/2025
A Deputación de Pontevedra continúa esta fin de semana as saídas programadas ao abeiro do programa provincial +Convivencia con novas actividades que mobilizarán un total de 268 persoas chegadas desde os concellos de Cangas do Morrazo, Lalín, Ponteareas e Pontevedra. A veciñanza que estes días participa no programa visitará a Ría de Arousa, o Balneario de Mondariz, o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro e asistirá á Festa do Marisco do Grove.
As saídas do programa +Convivencia comezan o sábado 4 de outubro cunha visita ao Balneario de Mondariz por parte de 55 usuarios de AFAMMER (Lalín) e cunha excursión ao Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro que realizarán 50 nais e pais da ANPA A Rúa (Cangas). Xa o domingo 5 de outubro, desde Pontevedra, 54 persoas da Asociación Cultural Veira do Río de Pontesampaio coñecerán O Salnés e 54 máis da Asociación de Veciños Heroes de Pontesampaio a Ría de Arousa. Por último, 55 participantes da Asociación San Salvador (Ponteareas) asistirán á Festa do Marisco do Grove.
+Convivencia, cun crédito de 275.000 euros (un 25% máis que na primeira edición) que xa está esgotado, está a permitir que 229 entidades sen fins de lucro coñezan o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. Neste ano, a Deputación ofertou un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, relixiosa ou popular, co Camiño de Santiago ou cos museos, entre moitas outras. Todas as propostas estaban abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPA da provincia.
A Deputación concedeu a cada entidade unha axuda de ata 1.200 euros (o ano pasado as axudas máximas eran de mil euros) para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Ademais, o número mínimo de persoas participantes en cada excursión é de 30, ou 20 no caso daquelas viaxes ou actividades nas que sexa necesario contratar autobuses e participen persoas con mobilidade reducida que precisen unha cadeira de rodas ou outras axudas técnicas.