A Deputación leva o próximo luns a Forcarei o circuíto +Escénicas cun espectáculo infantil de monicreques
“Xan das ondas”, de Barafunda, representarase ás 17:30 horas no Auditorio de Soutelo de Montes
10/02/2026
A Deputación de Pontevedra leva o próximo luns 16 de febreiro o circuíto +Escénicas ao Concello de Forcarei da man do espectáculo infantil de monicreques “Xan das ondas”, a cargo da compañía Barafunda. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“Xan das ondas”, que se representará no Auditorio de Soutelo de Montes ás 17:30 horas, é un contacontos con monicreques e unha clara mensaxe sobre a protección do medio ambiente. Xan é un rapaz ao que lle gusta moito o mar, e unha mañá descobre que xa non ten ondas e, ademais, parece que está moi enfermo. O neno emprende unha grande aventura cara o máis profundo dos océanos para descubrir as razóns polas que se atopa nesa situación.
Co circuíto +Escénicas a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril do pasado ano e marzo deste estanse a representar un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra. A institución provincial ten nestes momentos aberto o prazo, ata o próximo 28 de febreiro, para que as compañías se inscriban, dean de baixa ou modifiquen os seus espectáculos no catálogo +Escénicas.