A Deputación leva este venres un concerto de Música Miúda a Mos no marco do programa provincial +Música
A actuación terá lugar no CEIP Mestre Valverde Mayo ás 12:30 horas e enmárcase neste programa provincial que está dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
17/06/2026
A Deputación de Pontevedra leva este venres 19 de xuño un concerto de Música Miúda a Mos enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial para apoiar a programación cultural nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar no CEIP Mestre Valverde Mayo ás 12:30 horas.
Música Miúda trátase dunha banda de música infantil composta por Irene Quinteiro, Miguel Alonso e Óscar Martínez que naceu no 2019. Desde entón percorre a xeografía galega combinando contos e cancións de creación propia, con especial fincapé na diversidade e a inclusión, cunha perspectiva de xénero e de promoción da lingua galega.
Este concerto é unha das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.