A Deputación leva este sábado 1 de agosto a Moaña unha actuación de Sés

O espectáculo terá lugar no palco da música do Paseo Marítimo ás 22:30 horas ao abeiro de +Música, o programa provincial dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas

30/07/2026

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 1 de agosto a Moaña un concerto de Sés enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar no palco da música do Paseo Marítimo ás 22:30 horas.

Sés é unha cantautora que destaca polo seu enorme carisma e forza persoal, demostrado en centos de concertos ás súas costas. En once anos editou oito discos e percorreu escenarios de todo o mundo cun discurso valente, novidoso, contundente e directo que a converte nun dos principais referentes da escena musical galega. En Moaña presenta “Nadando na incerteza”, o seu novo traballo, no que a canción se sitúa no centro absoluto e nun exercicio de artesanía e autenticidade.

Este espectáculo é unha das 93 actuacións financiadas con cargo ao +Música, que se están a celebrar entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. O programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e pola programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.