A Deputación celebra o Día das Letras Galegas no Museo de Pontevedra cun obradoiro e concerto didáctico con Branca Villares
“Por que cantan as mulleres?” desenvolverase o venres 16 de maio ás 19 h, dirixido a público de todas as idades e sen necesidade de reserva previa
10/05/2025
A Deputación celebra o Día das Letras Galegas no Museo de Pontevedra cun obradoiro e concerto didáctico arredor da tradición oral feminina, conducido por Branca Villares. Será o venres 16 de maio ás 19 h no Edificio Castelao e está dirixido a persoas de todas as idades, sen necesidade de reserva previa.
O Día das Letras Galegas dedícaselle este ano á poesía popular oral e ás cantareiras que a mantiveron viva ao longo do tempo. A actividade trata de debullar por que cantamos, que cantamos e como cantamos as persoas, para entender os contextos onde tivo lugar a creación e transmisión oral das mulleres cantareiras. O obradoiro e concerto didáctico desenvolverase con perspectiva de xénero e reflexionarase sobre a presenza ou ausencia de mulleres naquilo que consideramos universal no canon cultural.
Farase un percorrido polos distintos xéneros e temáticas das cantigas, pola xeografía de Galicia e as particularidades da súa oralidade. Ademais de gozar do relato de Branca Villares e das cantigas, as persoas participantes cantarán e dialogarán cos sons e ritmos, nunha experiencia inmersiva e significativa para traballar e entender a oralidade. Os rexistros históricos e as nocións que temos sobre o noso presente, o pasado próximo e o afastado serán obxecto de reflexión. Tamén se establecerán conexións do noso folclore con outros de África, Europa ou América.
A actividade será conducida por Branca Villares (Lugo, 1980). Bióloga de formación, forma parte do colectivo Eudemónicas e imparte aulas de canto tradicional, pandeira, pandeiro e pandeireta en diferentes escolas municipais e colectivos culturais da provincia de Lugo.