Luis López destaca a atención aos 61 concellos, o turismo internacional e o apoio á provincia do deporte entre os obxectivos da Deputación para 2026

O presidente provincial marca metas concretas como superar as 1.400 actuacións na provincia, reforzar a acollida de turistas internacionais, acoller novos eventos deportivos de carácter global ou chegar a máis dun milleiro de colectivos atendidos dentro do estilo de goberno de escoitar, entender e atender

09/01/2026

Conferencia de prensa de Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de presentar unha serie de obxectivos e retos para o novo ano 2026, no que o apoio aos 61 concellos da provincia mantense como a prioridade número un para un executivo que manterá un estilo de goberno baseado en escoitar, entender a atender. Seguir impulsando un modelo turístico sustentable e reforzar a provincia do deporte forman parte da folla de ruta iniciada polo goberno provincial desde o comezo do mandato na que tamén aparecen metas como a colaboración co tecido asociativo, a mellora das infraestruturas, investimentos en benestar social, máis iniciativas no eido da cultura e accións concretas para proxectos estratéxicos como o Museo de Pontevedra e os seus edificios centrais, Santa Clara e a Vía Verde.

"Non somos a Deputación de dúas cidades nin de 59 pequenos concellos, somos a Deputación de toda a provincia de Pontevedra, así que en 2026 propoñémonos alcanzar o umbral de 1.400 actuacións a través dos plans de investimento, convenios coas cidades, melloras en Infraestruturas e obras propias", formulou o presidente Luis López este venres na rolda de prensa posterior á xunta de goberno.

Unhas metas concretas que tamén están fixadas noutros eidos como o turismo ou o deporte. "Aínda descoñecemos oficialmente se superaremos a barreira dos dous millóns de visitantes pero en todo caso o noso obxectivo para 2026 é claro: que a pegada do turismo internacional sexa aínda máis profunda para avanzar no camiño da  descentralización e a sustentabilidade", dixo o mandatario sobre a primeira materia antes de referirse á segunda. "A provincia do deporte aspira a sumar máis de 200 modernizacións en infraestruturas deportivas, chegar a máis de 400 axudas a deportistas, estar ao carón dos clubs, da elite á base e a atraer novos eventos deportivos de carácter internacional á provincia", puntualizou.

No eido da acción comunitaria, os obxectivos pasan por superar o milleiro de colectivos atendidos e os 11M€ repartidos na primeira metade do mandato, mentres que en benestar social vaise facer realidade o maior investimento, 5,7M€, en Príncipe Felipe dos últimos anos, así como a posta en marcha de novidosos programas para beneficiar ás entidades do ámbito social da provincia. Para seguir contando cunha rede viaria segura e moderna, está reservada unha partida sen precedentes para o ano 2026 de case 40M€, un 50 % máis do investido o ano pasado. E no eido da Cultura, a Deputación reserva 17,3M€ para superar os éxitos dun 2025 marcado polo regreso da Bienal a través da posta en marcha dunha nova Bienal de Artes Vivas, avanzar na rehabilitación do Cine Fraga en Vigo e seguir espallando a cultura por toda a provincia a través de distintos programas.

Impulso ao Museo, Santa Clara e a Vía Verde

Obxectivos máis precisos son os marcados, por exemplo, o Museo de Pontevedra coa confianza de que a exposición por primeira vez na historia da provincia da obra cumio de Castelao, "A derradeira lección do mestre", marque novos récords de visitas. Para Santa Clara e os Edificios Centrais do Museo, agárdase executar as catas arqueolóxicas e obter do Concello os permisos pertinentes "coa máxima axilidade" para seguir avanzando na rehabilitación destas dúas xoias patrimoniais da cidade e da provincia.

O presidente Luis López pechou a enumeración cunha mención especial referido a un proxecto estratéxico para a provincia como é a vía verde. "A curto prazo, queremos asinar o convenio co Adif para a cesión dos terreos da Vía Verde entre Soutomaior e Pontevedra para redactar canto antes o proxecto. Todo sen perder de vista o obxectivo global de unir Vigo e Vilagarcía", afirmou.

Transferencia e gratuidade da AP-9

Con todo, o goberno provincial ten na súa axenda moitas outras metas, entre elas seguir defendendo os intereses da provincia. "A transferencia da AP-9 e a gratuidade das peaxes, unha conexión por Alta Velocidade digna de tal nome e o avance real do AVE Vigo-Porto, a mellora do funcionamento da rede ferroviaria de mercadorías, un plan de mellora das estradas nacionais que cruzan a provincia ou un novo sistema de financiamento municipal que teña en conta realidades como a nosa. Un longuísimo etcétera que será defendido e reclamado por esta Deputación sempre que sexa necesario", rematou o dirixente provincial.

videos

audios