Luisa Sánchez anima a “escribir a cidade que soñamos” na XIII edición do Certame de Relatos Vigo Histórico
A vicepresidenta provincial destacou a autenticidade deste concurso, que reivindica “o Vigo das historias pequenas que, grazas á literatura, adquiren novos significados”
20/04/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este luns na presentación da décimo terceira edición do Certame de Relatos Vigo Histórico, que abre o seu prazo de recepción de obras desde o 21 de abril ata o 30 de xuño.
Durante o anuncio da apertura do período para presentar propostas, no que tamén participaron o editor da Editorial Elvira, Xabier Romero, e a xurado Clara do Roxo, a representante provincial puxo en valor a capacidade da cultura para transformar a mirada sobre a cidade e para dar voz a novas narrativas. “Vigo necesita máis cultura e tamén máis espazos onde contar e compartir historias. Este certame, que apoiamos con orgullo desde a Deputación de Pontevedra demostra que hai talento e ganas de facelo”, sinalou.
A vicepresidenta destacou tamén a traxectoria dun concurso “único” que “esperta interese e emoción” entre quen participa e que dá a oportunidade de “escribir a cidade que soñamos”: “Cada relato é unha maneira de construír o Vigo que queremos, de imaxinalo e de facelo posible”, apuntou.
Neste sentido, compartiu a súa visión da cidade, un Vigo “aberto, dinámico e plural”, no que as persoas sexan protagonistas. “Este certame permite reivindicar o Vigo das historias pequenas, das rúas que transitamos cada día e que, grazas á literatura, adquiren novos significados”, afirmou.
O certame, organizado pola Editorial Elvira, establece como condición principal que a cidade de Vigo sexa protagonista das historias. As obras poderán presentarse en galego ou castelán, cun máximo de 4 páxinas. As persoas participantes optarán a premios económicos e á publicación da súa obra dentro do libro ‘Relatos na Rúa’, que incluirá as ilustracións do grupo Diseñatas da Fundación Igual Arte.
