A vicepresidenta Luisa Sánchez enxalza a importancia dos eventos deportivos para a provincia de Pontevedra na presentación de resultados de O Gran Camiño

10/04/2025

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou esta mañá en Santiago de Compostela na presentación dos resultados de O Gran Camiño, onde enxalzou a importancia dos eventos deportivos para a provincia de Pontevedra. Neste eido recordou que este ano o organismo provincial foi patrocinadora da proba que levou á provincia unha etapa entre Marín e A Estrada, “unha etapa moi en liña coa nosa campaña de promoción turística, centrada este ano no interior da provincia, que nos serviu como anel ao dedo e un grande escaparate dos atractivos turísticos que estamos a divulgar polo mundo”.

Sánchez remarcou o impacto dos eventos deportivos no desenvolvemento social e económico da provincia. “Por este motivo impulsamos por vez primeira na historia da Deputación unha liña de axudas para o fomento da actividade turística coa dinamización e promoción de eventos deportivos, dotada de 100.000€, e incrementamos ata os 550.000 euros a dirixida aos clubs e federacións para a organización de competicións deportivas na provincia”, subliñou a vicepresidenta quen engadiu que “estamos mobilizando recursos como nunca antes o fixera esta administración para converter a provincia no gran estadio deportivo do mundo”.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.