Luis López sinala O Gran Camiño como un evento estratéxico dentro da aposta das Rías Baixas polo turismo deportivo que marca a campaña ‘A túa meta, o teu destino’
O presidente da Deputación, acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez, presenta en Vigo a etapa pontevedresa da sexta edición de O Gran Camiño, que terá lugar no mes de abril con saída desde As Neves e chegada na Guarda
27/01/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, inclúe o Gran Camiño como un dos máis valiosos compoñentes da provincia do deporte. Na presentación da etapa que discorrerá pola provincia de Pontevedra desta sexta edición da carreira ciclista, o mandatario provincial puxo de manifesto a contribución do Gran Camiño á promoción do destino turístico Rías Baixas, que este ano pon o foco no turismo deportivo baixo o lema ‘A túa meta, o teu destino’. “O Gran Camiño é o resumo perfecto dos beneficios que reporta para o conxunto da provincia a aposta polo deporte, a organización de grandes eventos e polo turismo deportivo”, afirmou o mandatario provincial sobre un evento deportivo de impacto internacional que este ano volverá contar co patrocinio da Deputación.
“A provincia de Pontevedra é a provincia do deporte”, afirmou a vicepresidenta provincial e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, para dar a benvida a todos os asistentes ao acto celebrado na Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, entre os que estiveron os alcaldes das Neves e A Guarda, Jose Manuel Alfonso e Roberto Carrero; concellos que serán saída e meta da etapa; así como o director do Gran Camiño, Ezequiel Mosquera; e o exciclista pontevedrés e gañador do Tour de Francia, Óscar Pereiro.
Neste escenario deuse a coñecer os detalles da etapa pontevedresa da sexta edición do Gran Camiño, que despois de cinco anos de excelencia na organización e desenvolvemento da proba conseguiu a autorización da UCI para o cambio de data e evitar o tempo invernal das anteriores edicións. Este ano, O Gran Camiño celebrarase entre o 14 e o 18 de abril e constará de cinco etapas, partindo desde Portugal e pasando polas catro provincias galegas. A etapa pontevedresa será a derradeira e decisiva, terá lugar o 18 de abril cun percorrido entre As Neves e A Guarda que contará cun final espectacular e que, segundo aseguran desde a organización, non se decidirá ao sprint. “Falamos de dous territorios que albergan o mellor do ciclismo a nivel de provincia e representan a importancia do exterior e interior da provincia. O inicio nas Neves, que ten un potencial deportivo e turístico enorme; e o final, na Guarda, o segundo lugar máis visitado de Galicia”, salientou o presidente sobre o percorrido. Os rexedores destes dous concellos tamén amosaron a súa satisfacción por acoller esta proba. “As Neves é un sitio no que hai moitos amantes do ciclismo, temos tres clubs ciclistas, e será unha homenaxe a todas esas persoas que senten o ciclismo no Concello”, agradeceu o alcalde Jose Manuel Alfonso. “Que o final desta etapa e de toda a ruta sexa na Guarda é motivo de orgullo. Somos o segundo lugar máis visitado de Galicia e temos unha das máis coñecidas marcas en España e fóra das fronterias”, engadiu o rexedor Roberto Carrero.
Acoller eventos da relevancia internacional do Gran Camiño é un dos obxectivos da Deputación para seguir potenciando un turismo sustentable e descentralizado nas Rías Baixas, motivos polo que o goberno provincial puxo en marcha este ano unha campaña de promoción turística das Rías Baixas centrada no turismo deportivo. O deporte é un escaparate extraordinario para as Rías Baixas, atraen unha gran número de persoas de todo o mundo, desde deportistas, ata traballadores e afeccionados; para diversificar, descentralizar e desestacionalizar a actividade turística e económica; e garante a sustentabilidade porque o deporte é sinónimo de saúde e contacto coa natureza, valores que tamén son propios das Rías Baixas. “A provincia é un polideportivo ao aire libre perfecto para acoller probas deste tipo e o turismo deportivo representa o compromiso pola sustentabilidade”, explicou o dirixente, quen tamén destacou que o ciclismo demostrará o bo estado no que se atopa a rede de estradas provinciais.
O 2025, ano de récord para o turismo
Da man deste tipo de eventos, o goberno provincial confía en mellorar aínda máis os datos turísticos dun ano 2025 que volveu romper todos os rexistros. “Recibimos preto de 1,8 millóns de visitantes, dos que máis de 600.000 eran estranxeiros, e recollemos os froitos da aposta pola internacionalización do destino ao constaar que o turismo internacional medrou nun 10 %”, celebrou López para xustificar a aposta estratéxica que está a realizar a Deputación polo binomio turismo e deporte a través dun investimento de 8,7M€ para este ano 2026, con programas de apoio a deportistas e clubs, coa mobilización de 20M€ para a mellor das instalacións deportivas nos concellos e con propostas novidosas como a creación da Rías Baixas Sports Commission para atraer á provincia máis eventos como O Gran Camiño.
“Convidamos aos afeccionados de todo o mundo ao ciclismo e ás Rías Baixas, que en número andamos aí aí, a desfrutar o vindeiro mes de abril dunha etapa extraordinaria no paraíso das Rías Baixas: a túa meta, o teu destino”, concluíu o presidente Luis López, quen tamén agradeceu a valentía de Ezequiel Mosquera e a organización do Gran Camiño por apostar polas Rías Baixas e por Galicia coa creación dunha carreira que xa é un evento consolidado no calendario anual do ciclismo de elite.
