Luisa Sánchez destaca o impacto económico, turístico e mediático que achegará a Vigo a esixente regata La Solitaire du Figaro
A cidade olívica, co apoio da Deputación de Pontevedra, repetirá como única escala fóra de Francia e volverá converterse durante varios días no epicentro da vela europea
17/04/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, destacou o impacto económico, turístico e mediático que deixará en Vigo a nova escala da esixente regata La Solitaire du Figaro. A proba recalará por segundo ano consecutivo na cidade entre o 21 e o 24 de maio, procedente da comuna francesa de Perros-Guirec para logo partir cada á localidade gala de Porchinet. Así, Vigo repetirá como única escala fóra de Francia.
Así se expuxo na presentación celebrada este venres no Porto de Vigo, onde a tamén deputada de Deportes estivo acompañada do presidente do director xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Xosé Manuel Merelles; a delegada do goberno autonómico en Vigo, Ana Ortiz; o presidente da Autoridade Portuaria, Carlos Botana; e o presidente da Fundación Traslatio, Mario Cardama.
La Solitaire du Figaro, considerada unha das máis duras do calendario náutico europeo, reunirá a algúns dos mellores regatistas do mundo nun percorrido por etapas en solitario que porá a proba a resistencia física e mental das e dos participantes, como xa aconteceu en 2025.
Neste sentido, Luisa Sánchez salientou que esta cita dará continuidade ao éxito acadado na edición anterior, cando a cidade se converteu durante varios días no epicentro da vela europea, cun porto cheo de actividade e cunha grande afluencia de público tanto no peirao como no borde litoral.
“Vivimos unha experiencia difícil de esquecer, tanto no mar como en terra, cunha chegada épica, cunha cidade envorcada coa regata e cunha fermosa estampa da saída pola ría”, recordou a vicepresidenta.
A representante provincial remarcou o retorno económico e a proxección internacional da cita, subliñando que “a regata xerou un impacto notable na hostalaría, no comercio e no sector náutico, ao tempo que situou a Vigo e ás Rías Baixas como un destino náutico de referencia a nivel mundial”.
Así mesmo, incidiu en que esta aposta por La Solitaire du Figaro se enmarca na estratexia da Deputación de Pontevedra de potenciación do turismo deportivo: “Apoiamos eventos que xeran economía, que contribúen a desestacionalizar as visitas e que proxectan a nosa terra no exterior. Demostramos que somos capaces de situar á provincia no mapa das grandes citas deportivas”.
