A Deputación activa este xoves a primeira edición da Bienal de Artes Vivas en Santa Clara, con máis do 80% das entradas xa reservadas

A alta demanda leva á Deputación de Pontevedra a programar un novo pase da peza de Alessandro Sciarroni que pecha esta edición, o domingo 12 de xullo ás 20:00 h

29/06/2026

A Deputación activa este xoves a primeira edición da Bienal de Artes Vivas en Santa Clara, con máis do 80% das entradas xa reservadas

A primeira edición da Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, organizada pola Deputación, arranca este xoves no convento de Santa Clara con máis do 80% das entradas xa reservadas. A día de hoxe, 13 dos 22 espectáculos que se ofrecerán entre o 2 e o 12 de xullo xa teñen todas as entradas esgotadas, polo que a Deputación de Pontevedra decidiu programar un novo pase da peza de Alessandro Sciarroni que pecha a programación, o domingo 12 de xullo ás 20:00 h.

A Deputación de Pontevedra puxo a disposición do público máis de 3.200 entradas para esta primeira edición, que leva por título “Nas marxes”. Delas, só quedan dispoñibles arredor de 500 entradas para nove espectáculos, incluíndo o novo pase extra de “Don't Be Frightened of Turning the Page”, do italiano Alessandro Sciarroni. Toda a programación é gratuíta, con reserva de entrada obrigatoria a través da web bienal.depo.gal.

A Bienal de Artes Vivas de Pontevedra é unha nova proposta que alternará os anos pares coa Bienal de Arte. A primeira edición desenvolverase en tres espazos do Convento de Santa Clara, a igrexa, o coro e os xardíns, co obxectivo de dinamizar este espazo que será no futuro a sétima sede do Museo de Pontevedra. Alí se desenvolverán as 22 propostas de performance, danza, teatro, música, poesía e circo, das cales catro son estreas absolutas, outras 14 poderanse ver por primeira vez en Galicia.

Baixo o comisariado de Iñaki Martínez Antelo, “Nas marxes” ofrece un programa de propostas artísticas que se sitúan nos bordes onde as categorías se dilúen e onde teñen cabida obras que é difícil acomodar nos circuítos habituais, porque non teñen un encaixe claro nun teatro nin nun museo. O programa inclúe, así mesmo, procesos en curso, traballos en desenvolvemento que se mostran no seu devir e lle permiten ao público asistir á súa construción. Estas propostas articúlanse en relación con iniciativas coma Residencias Paraíso, o festival Citemor de Montemor-o-Velho ou TNT, Terrassa Noves Tendències, coas que esta bienal establece vínculos e complicidades.

O programa arranca o xoves 2 de xullo coa estrea en Galicia da peza de danza “Microdesfase: desajuste para voz y espacio” de Blanca Tolsá. Ese mesmo día, o dúo Clo Plas formado por Xiana Arias e Berio Molina, compartirá escenario co escultor Diego Vites e o músico Javi Álvarez na estrea absoluta de “Clo Pau Plas Pedra”. Ambos espectáculos teñen xa desde hai días a capacidade completa.

Entradas dispoñibles

Na primeira fin de semana de programación tamén se esgotaron todas as entradas para as propostas do venres e do sábado, polo que neste momento só é posible reservar praza para os espectáculos do domingo. Pola mañá, os galegos Pistacatro ofrecen circo para toda a familia con “Sen patrón”, e pola tarde haberá dous pases de “Extraña alegría” de Javier Hernando de Los Bárbaros, unha peza a medio camiño entre a conferencia performativa e o teatro documental.

Para os espectáculos do luns, o martes e o mércores xa non hai entradas. O xoves aínda é posible reservar acceso ao só de danza “Alien”, de Manuel Rodríguez. Tamén o venres á estrea da performance “E os ocos comezaron a pegarse”, de Alejandra Pombo Su, e á mirada sobre a danza e a percusión flamenca que ofrecen Leonor Leal e Antonio Moreno con “En talleres”.

O sábado 11, hai entradas dispoñibles para o segundo pase, ás 13:00 h, do espectáculo de poesía e narración oral “Contar no apagón”, de Celso Fernández Sanmartin. Tamén para asistir á performance “World of Interiors”, dos portugueses Ana Borralho e João Galante, e ao concerto “Àlbum Victòria” da artista e performer Laia Estruch, acompañada da formación pontevedresa de rock Zunzún. Por último, o novo pase o domingo 12 de xullo ás 20:00 h de “Don't Be Frightened of Turning the Page”, de Alessandro Sciarroni, permitirá a máis publico acudir a unha proposta que foi a primeira en esgotar as entradas.

Galerias de imaxes