A Deputación converte a pintura, a fotografía, a música e as artes escénicas en protagonistas da programación de primavera do Museo de Pontevedra

A programación dos próximos tres meses pon o foco, entre outras figuras, en Mercedes Ruibal, Agustín Pérez Bellas, Begoña Caamaño, Fernando Álvarez de Sotomayor e o Marqués de Sargadelos

19/03/2026

A Deputación converte a pintura, a fotografía, a música e as artes escénicas en protagonistas da programación de primavera do Museo de Pontevedra

Este sábado comeza a primavera e arranca tamén a programación que a Deputación deseñou para os seguintes tres meses no Museo de Pontevedra. Trátase dunha ampla proposta de exposicións temporais, cursos, obradoiros, eventos para todos os públicos, xornadas, conferencias e visitas guiadas, que se desenvolverán entre o 21 de marzo e o 20 de xuño. A pintura, a fotografía, a música e as artes escénicas terán un protagonismo especial nunha programación con máis de 20 actividades, todas elas de balde.

A exposición ‘Arte en parella. Mercedes Ruibal-Agustín Pérez Bellas’ será a mostra central no Museo nesta estación. Abrirá o 30 de abril, comisariada por Cristina Villaverde Ruibal. Trátase dun percorrido antolóxico polas obra artística deste matrimonio que, desde unha clara autonomía plástica, mantivo liñas creativas dispares coas que lograron o recoñecemento tanto en Galicia como en España e, puntualmente, en Francia e Italia. A mostra reúne máis de cen obras de ambos e unha serie de elementos que certifican a súa posición central na pintura galega do último terzo do século XX, así como testemuños das súas contribucións literarias.

Ata o domingo de Semana Santa, 5 de abril, poderán visitarse aínda as exposición ‘Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX’ e ‘San Sebastián, corpo de beleza e dor. Unha paixón privada’. E o 12 de xuño abrirá a nova mostra do ciclo ‘Infiltracións’, comisariado por Iñaki Martínez Antelo. Nesta ocasión será a artista asturiana residente en Nova York Ira Lombardía a encargada de dialogar coa colección permanente do Museo co proxecto ‘Mudanza’, unha instalación que xorde do proceso de cambio vivido pola artista como emigrante nos EEUU, mediante o que a artista denomina unha “coreografía do tránsito”: un fluxo invisible que percorre os edificios Castelao e Sarmiento, onde o histórico se entrelaza co íntimo.

Para todos os públicos

A oferta de actividades de acción cultural abertas ao público volverá combinar tanto actuacións artísticas como propostas de formación para diferentes idades. Ao público infantil diríxense os obradoiros previstos en Semana Santa: un sobre o fotógrafo José Suárez impartido por Taller Abierto o sábado 28 de marzo, e outro sobre ilustración botánica o martes 31 de marzo e o mércores 1 de abril.

Ao público adulto diríxese unha nova edición de ‘Olladas Musicais’, o curso de introdución á música culta con audicións comentadas a cargo de Sara Domínguez Lloria. Arrancará o 8 de abril con cinco cesións os xoves, entre as que se inclúen dúas con interpretacións musicais en directo. Tamén terán lugar nas vindeiras semanas as últimas sesións do curso de historia da arte ‘Máis que Musas. Creadoras na Vangarda’, que imparte Marta Riera.

O Día do Libro celebrarase este ano no Museo cun recital o 23 de abril no que a soprano Bonnie Cooper e a pianista Carmen Carreiras Pita interpretarán poemas de Lope de Vega, Garcilaso de la Vega e Juan de Anchieta en versións de Eduard Toldrá e Fernando Obradors, e poemas galegos en versións de Marcial del Adalid, Xosé Baldomir e Juan Montes. A programación musical inclúe tamén un concerto o 16 de maio de Ensemble Allettamento, no que o violinista Mario Braña e a violonchelista Elsa Pidre recuperan obras pouco coñecidas do repertorio para estes instrumentos dos séculos XVII e XVIII.

No Día das Letras Galegas, Suricata Teatro, coa actriz Rebeca Solla, achegará a figura de Begoña Caamaño ao público infantil cun contacontos que se aproxima ao universo literario da escritora homenaxeada este ano. E con motivo do Día Internacional dos Museos porase en escena o venres 22 de maio ‘As máscaras de Ibáñez: o marqués de Sargadelos que nunca foi’, coa que Avelaíña Teatro revisa a vida e os sucesos que conduciron á morte de Raimundo Ibáñez, fundador da cerámica de Sargadelos, interpretado por Xabier Fernández.

Xornadas e conferencias

A celebración do Día dos Museos é o marco no que se recibirá o xoves 21 de maio a visita de Javier Barón Thaidigsmann, xefe de colección de Pintura do Século XIX no Museo do Prado, que ofrecerá unha conferencia sobre a personalidade artística de Fernando Álvarez de Sotomayor, figura central da pintura galega e da española a finais do XIX e nas primeiras décadas do XX. Antes, o 14 de abril, Isabel Tejeda ofrecerá unha conferencia sobre a evolución da visibilización das mulleres artistas dentro do panorama artístico español.

A programación de carácter científico do Museo completarase con xornadas relacionadas coas exposicións temporais programadas. A semana que vén celebrarase ‘Imaxes en Reserva. Os Arquivos Fotográficos nos Museos’, na que responsables das coleccións fotográficas de museos como o do Prado e o do Romanticismo, entre outros, falarán do papel destas institucións na conservación e divulgación deste patrimonio. E o 28 de maio e o 19 de xuño terán lugar as dúas xornadas dedicadas ás artes de Mercedes Ruibal e Agustín Pérez Bellas, nos que se afondará nas claves da súa creación artística mediante unha serie de conferencias e unha videocreación que presentará a artista Beatriz Ruibal.

Por último, ao longo dos tres vindeiros meses continuará o programa de visitas guiadas, tanto á colección permanente como ás exposicións temporais. O 1 de xuño iniciarase a tempada de visitas guiadas ás Ruínas de San Domingos, que, como en anos anteriores, se desenvolverá de martes a venres ás 12:00 h.