Luis López celebra que a Deputación avanza no seu obxectivo de consolidar o astroturismo na provincia co produto turístico Baixo o Ceo das Rías Baixas

“Non estamos ante unha acción puntual polo eclipse do 12 de agosto, senón ante unha liña de traballo a medio e longo prazo que ten o eclipse como un fito clave”, asegurou o presidente provincial

30/04/2026

Luis López celebra que a Deputación avanza no seu obxectivo de consolidar o astroturismo na provincia co produto turístico Baixo o Ceo das Rías Baixas

E a eclipse anular solar do 26 de xaneiro de 2028). A institución provincial xa detectou a necesidade de actuar no marco do astroturismo á hora de confeccionar a súa Estratexia Rías Baixas 61, a folla de ruta para o turismo da provincia no horizonte 2030 composta por seis eixes estratéxicos e 42 propostas de acción. Pontevedra conta con dous destinos Starlight (o Parque Nacional das Illas Atlánticas e o Concello de Lalín) e un Lugar Starlight (o Faro de Avión, en Covelo), e o presidente Luis López explicou que desde a institución provincial xa está a traballar para que os Castelos de Soutomaior e Sobroso acaden a certificación como Monumentos Culturais Starlight, tendo en conta ademais que ambos os dous acollerán en agosto actos de observación da eclipse. De feito, proximamente a Deputación reunirase coa dirección da Fundación Starlight para avanzar neste trámite, previa á súa visita ás instalacións para avaliar esta posibilidade.

Trátase, deste xeito, de crear un produto turístico experiencial e divulgativo co que situar a provincia como destino de referencia en astroturismo, o ceo nocturno ou a divulgación científica, que se encadra na aposta da Deputación por impulsar a sostibilidade e a diversificación do destino. As primeiras accións no marco de Baixo o Ceo das Rías Baixas están concibidas para poñer en valor o potencial da provincia como destino Starlight e para reforzar a colaboración cos concellos en materia turística. De feito, a colaboración cos concellos é esencial, e polo de agora a Deputación xa conta con corenta concellos interesados en participar activamente nesta iniciativa.

Unha das necesidades de colaboración que lles trasladou a Deputación foi a necesidade de establecer, en cada concello, un punto de observación destes fenómenos, que polo de agora conta coas seguintes adhesións: Oia (miradoiro da Pedreira), Tomiño (miradoiro do Alto da Pedrada), Pontecesures (miradoiro do Galiñeiro), Valga (contorna das lagoas Mina Mercedes e Porto Piñeiro), Mondariz (Coto do Santo, Chan das Laceiras), As Neves (Cume do Monte Sanomedio), Ponteareas (Castro de Troña), Salvaterra de Miño (Fortaleza de Salvaterra de Miño), Lalín (Altar do Sol), Silleda (Castro de Troiriz), Bueu (Praia de Banda do Río), Cangas de Morrazo (Caracola – Donón), Marín (Miradoiro de Mogor), Arbo (Miradoiro de San Fins), Covelo (Capela da Xestosa), Poio (Casa forestal do Castro – Área recreativa do Castro), Ponte Caldelas (Campo de fútbol de Caritel) ou Vilaboa (Miradoiro das Salinas).

Tamén se adheriron A Illa de Arousa (Punta Cabalo e praia de Area da Secada), Sanxenxo (Praia de Pragueira), Baiona (Paseo Pinzón e Paseo Monteboi), Gondomar (Monte do Galiñeiro), Mos (Castro de Herville), Nigrán (Miradoiro de Camos), O Porriño (Monte Faro), Salceda de Caselas (Parque recreativo forestal Espicho do Faro), Soutomaior (Peirao de Arcade), Catoira (Alameda do Peirao), Meis (Miradoiro de Castrove e miradoiro de San Martiño), Vilanova de Arousa (Miradoiro de Monte Lobeira), Cerdedo Cotobade (As Pozas, Carballedo), Barro (Monte da Chan, Agudelo), Tui (Praia de Areeiros), Ribadumia (Monte do Castro), A Estrada (Alto de San Sebastián), Pazos de Borbén (Praza do Concello), Cambados (contorna da Torre de San Sadurniño e praia da Alameda San Tomé), A Guarda (merendeiro entre as praias de Area Grande e Fedorento) e Forcarei (lugar do Observatorio Astronómico). Rodeiro xa amosou o seu interese en participar e ten pendente trasladar as súas propostas (cómpre lembrar, ademais, que o listado de localizacións é provisional e está suxeito a cambios).

Trala definición dos puntos de observación, a Deputación promoverá quedadas de observación nestes enclaves. Serán experiencias compartidas, divulgativas, accesibles e non especializadas, para que poida asistir toda a veciñanza e tamén visitantes. A Deputación encargarase tamén de distribuír un kit de observación (composto de gafas homologadas e material divulgativo) a través das oficinas que forman parte da rede Info Rías Baixas, e coordinará unha campaña de promoción conxunta para dar a coñecer o programa. Ademais, Turismo Rías Baixas elaborou dípticos informativos para a súa distribución entre visitantes e clientela dos aloxamentos hosteleiros e oficinas turísticas, con información clara, práctica e homoxénea sobre a práctica do astroturismo. Os materiais xa se entregaron ao sector e está prevista a súa publicación no sitio web de Turismo Rías Baixas para a súa descarga.

Formación para implicar o sector turístico e os concellos na aposta polo astroturismo

A Deputación organizou no mes de abril dúas xornadas formativas dirixidas ao sector turístico e técnicos de turismo, co obxectivo de garantir unha correcta planificación, seguridade na observación e unha xestión ordenada dos fluxos de visitantes, en colaboración coa Fundación CEO da Universidade de Vigo. A Deputación considera que a formación é clave para que tanto as empresas do sector como as oficinas de turismo e o persoal técnico municipal dispoñan de criterios comúns, información rigorosa e pautas de actuación ante eventos de grande afluencia, para que así os establecementos tamén poidan organizar experiencias seguras e descentralizadas.

Mentres que a primeira xornada xa se celebrou o pasado 20 de abril, a segunda ten lugar esta tarde no Concello de Forcarei. Baixo o título “O Ceo das Rías Baixas. Astroturismo, eclipse solar e defensa da noite”, incluirá unha práctica in situ de observación solar e visita ao Observatorio Astronómico de Forcarei. O deputado de Turismo Rías Baixas, Jesús Vázquez Almuíña, e a deputada e mais alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro, inaugurarán a xornada xunto co presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal. A Directora da Fundación Starlight ofrecerá a conferencia “Certificacións Starlight”, á que lle seguirá a vicepresidenta do padroado da FC3, representante da Universidade de Vigo e catedrática de astronomía e astrofísica do Departamento de Física Aplicada, Ana Ulla Miguel, con “Certificacións Starlight na provincia de Pontevedra”.

A continuación, a Directora de Turismo Rías Baixas, Romina Fernández, centrarase na iniciativa da Deputación para a certificación dos castelos e para a creación dunha rede de puntos de observación, seguida de novo por Ana Ulla Miguel cunha conferencia sobre a contaminación luminosa. Tras unha pausa café, a xornada retomarase da man de Cintia Cabada Malvar, da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, que falará sobre a eclipse do 12 de agosto e o seu contexto, e rematará da man de Ulla Miguel cunha conferencia sobre o contexto do trío de eclipses 2026-2028 en España. Ás 20:00 horas os asistentes trasladaranse ao Observatorio Astronómico de Forcarei para a práctica in situ de observación, cadrando co momento no que o sol se atopa practicamente na mesma posición que a que terá nesa primeira das tres eclipses previstas.

Baixo o Ceo das Rías Baixas é, en definitiva, unha aposta por un turismo sostible, xa que está enfocado a un público concienciado con minimizar a pegada que deixa nos territorios que visita, ademais de abrir unha vía á entrada de turistas a territorios rurais que doutro xeito non estarían no seu radar. O astroturismo supón un chanzo máis na diversificación do destino Rías Baixas, con propostas de carácter cultural que ademais incitan a prolongar a estadía dos visitantes e a xerar espazos de convivencia que os acheguen ás raíces da provincia de Pontevedra.

videos

audios