A Deputación impulsa un novo modelo de turismo sostible baseado no patrimonio marítimo a través do proxecto europeo AWAVES

O deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís, sinalou, na primeira reunión de AWAVES que acaba de acoller o Edificio Administrativo da Deputación, que esta iniciativa “consolida a cooperación atlántica arredor dun sinal de identidade das nosas comunidades costeiras”

30/06/2026

A Deputación impulsa un novo modelo de turismo sostible baseado no patrimonio marítimo a través do proxecto europeo AWAVES

O deputado de Fondos Europeos da Deputación de Pontevedra, Javier Tourís, acaba de asistir no Edificio Administrativo da institución provincial á primeira reunión presencial do consorcio do proxecto europeo AWAVES (Atlantic Waves for Advancing Visionary, Equitable and Sustainable Tourism and Heritage). Esta iniciativa, liderada pola institución provincial e financiada polo programa Interreg Espazo Atlántico a través do fondo FEDER da Unión Europea, reúne entidades de España, Portugal, Francia e Irlanda para transformar o patrimonio marítimo nun recurso estratéxico que promova un turismo máis sostible e rexenerativo na costa atlántica.

Como sinalou o deputado provincial, “esta reunión supón un paso decisivo para consolidar a cooperación atlántica arredor dun patrimonio que é un sinal de identidade das nosas comunidades costeiras”, a través dun programa que se desenvolverá ata 2028 co fin de preservar, valorizar e difundir o patrimonio marítimo material e inmaterial do Arco Atlántico. AWAVES tamén busca fortalecer a conexión entre xeracións e impulsar novas oportunidades para as comunidades costeiras. Neste eido, Javier Tourís sinalou que o liderado da Deputación “reafirma o noso compromiso coa cooperación europea e coa posta en valor do mar como un dos grandes activos de futuro para os territorios costeiros”.

Entre as principais actuacións de AWAVES figuran a creación dunha cartografía colaborativa do patrimonio mariñeiro, o desenvolvemento de espazos culturais vivos, rutas sensoriais e experiencias inmersivas, así como actividades para a infancia. A través delas búscase responder a desafíos compartidos polas rexións atlánticas, como a perda do patrimonio mariñeiro, o afastamento da cultura mariñeira entre as novas xeracións e a necesidade de avanzar cara a un modelo máis sostible. Este proxecto promoverá a recuperación do coñecemento tradicional, a dixitalización do patrimonio, a participación cidadá e o desenvolvemento de novas experiencias culturais que reforcen a identidade marítima e impulsen a economía azul.

A primeira reunión deste novo proxecto europeo contou coa participación dos socios: Deputación de Pontevedra, Bretagne Culture Diversité (Francia), ERNACT (Irlanda), ADCA (Agência para o Desenvolvimento da Cultura nos Açores), Câmara Municipal de Viana do Castelo, Universidade de Vigo, Centro de Computação Gráfica e Radio Boa (Francia). Nela presentáronse os casos piloto que desenvolverán nos seus territorios e a metodoloxía que permitirá construír unha rede atlántica de coñecemento arredor do patrimonio do mar, e tamén se destacaron as iniciativas da Deputación para a posta en valor deste patrimonio.

No marco da reunión, entre o martes e o mércores o grupo tamén realizará visitas técnicas ao Centro de Investigación Mariña Nautilus e ao buque histórico de vapor, no Porto de Vigo, e ao Carril e a illa de Cortegada, en Vilagarcía de Arousa.

Galerias de imaxes