A Deputación leva máis de 120 persoas da provincia a desfrutar do programa de termalismo +Benestar a partir deste domingo
Veciños e veciñas de 23 concellos da provincia gozarán de estancias en Sanxenxo e O Grove con actividades de ocio saudable e envellecemento activo
21/03/2026
Un total de 126 persoas de 23 concellos da provincia desfrutarán a partir deste domingo do programa de termalismo da Deputación de Pontevedra +Benestar con estadías no Hotel Carlos I Silgar, en Sanxenxo, e no Talaso Hotel Louxo La Toja, no Grove. Durante cinco días, ata o venres 27, accederán aos seus servizos de termalismo en réxime de pensión completa e con actividades de animación sociocultural para fomentar o envellecemento activo.
Desta maneira, desfrutarán da súa estancia no Hotel Carlos I de Silgar 84 persoas de Cangas, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Gondomar, A Guarda, Moaña, Mos, Nigrán, Poio, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Tomiño, Tui, Valga e Vilanova. Outras 42 de Cambados, Cangas, Meis, Mos, Nigrán, Pontevedra, O Porriño, O Rosal, Sanxenxo, Tui e Valga farán o propio no Talaso Hotel Louxo La Toja. Todos eles se beneficiaran deste programa provincial, que facilita aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros. Ao mesmo tempo, o programa +Benestar tamén busca dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e mantemento dos postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.
No marco de +Benestar preto de 2.200 persoas de máis de 55 anos de 60 concellos da provincia pasarán seis días e cinco noites en balnearios, talasos ou spas de Sanxenxo, Mondariz-Balneario, O Grove e Lalín. O organismo provincial subvenciona as prazas de réxime xeral con 100 €, mentres que as de réxime especial están subvencionadas con 400 €. Ademais da estadía, o paquete de +Benestar comprende a pensión completa, o uso do spa, do balneario ou doutras instalacións de características similares un mínimo de dúas horas ao día, e tamén o traslado de ida e volta en autobús aos establecementos desde Vigo ou Pontevedra.