A Deputación ofrecerá a próxima semana dous concertos de Carlos Núñez en Poio e Ponteareas no marco do ciclo Son Verán
Este martes 26 de agosto ábrese o prazo para reservar os convites cos que poder asistir de balde aos concertos, que terán lugar o venres 5 no Castro da Troña e o domingo 7 na Praza do Mosteiro de San Xoán de Poio
25/08/2025
A Deputación de Pontevedra levará dous concertos de Carlos Núñez a próxima semana aos concellos de Poio e Ponteareas da man do programa Son Verán, un ciclo de 13 concertos en enclaves e espazos patrimoniais e paisaxísticos dos concellos da provincia. As actuacións terán lugar o venres 5 ás 19:00 horas no Castro da Troña, en Ponteareas, e o domingo 7 ás 20:30 horas na Praza do Mosteiro de San Xoán de Poio. En ambos os dous casos habilitarase a partir de mañá martes 26 de agosto o prazo para reservar os convites cos que poder asistir de balde.
Carlos Núñez ofrecerá o seu espectáculo "Lugares máxicos", unha xira que comezou fai oito anos para tocar no verán en localizacións fermosas de Galicia poñendo en valor o patrimonio musical, arquitectónico, gastronómico e natural da comunidade. Ademais, trátase dun modelo respectuoso coa natureza e co medio ambiente, xa que se aproveita a luz solar e as acústicas naturais dos lugares sen os excesos de produción habituais neste sector. De feito, Núñez foi nomeado Embaixador Europeo do Medio Ambiente, e coas súas actuacións en marcos naturais acadou que se identifique a marca cultural e patrimonial de Galicia coa súa música persoal, enraizada e pluricultural.
As reservas habilítanse a partir deste martes a través dos seguintes métodos: no caso do concerto en Ponteareas, poderase recollelos na biblioteca municipal ou reservalos a través do correo electrónico departamentocultura@ponteareas.gal e enviando unha mensaxe de WhatsApp ao 618705639. Para reservar os convites de Poio, cómpre facelo a través do enderezo electrónico cultura@concellopoio.org ou enviando unha mensaxe de WhatsApp ao 698138166. A data máxima para retirar ou reservar os convites, en ambos os dous casos, será o xoves 4 de setembro.
Son Verán é un ciclo de espectáculos de alta calidade artística nos que destacan as referencias á tradición musical e literaria e á música de ópera, e que serven de reclamo cultural ao estar protagonizados por artistas da talla de Emilio Rúa, Óscar Ibáñez, Carlos Núñez, OperaConcert e o dúo conformado por Teo Cardalda e María Monsonís. Os concertos xa chegaron aos concellos de Vila de Cruces, O Rosal, A Cañiza e Cerdedo-Cotobade, e tamén chegarán da man de Óscar Ibáñez a Cangas do Morrazo, Baiona e Sanxenxo e de Teo Cardalda e María Monsonís en Forcarei, Mondariz, Moraña e Vilanova de Arousa.