A Deputación acolle no pavillón da Cidade Infantil Príncipe Felipe un campamento co que deportistas internacionais se preparan para o Campionato do Mundo de Poomsae
O vicepresidente Rafa Domínguez destacou a presenza de deportistas chegados desde dez países europeos de cara a esta cita, que se celebrará en setembro en Corea do Sur
25/08/2026
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou este martes na inauguración do Summer Camp Elite Poomsae (taekwondo) que o Club Hebe de Pontevedra está a organizar no pavillón da Cidade Infantil Príncipe Felipe, propiedade da institución provincial. O vicepresidente sinalou que “desde este luns e ata este sábado, as nosas instalacións acollen esta concentración de ámbito internacional que servirá como preparación de cara ao Campionato do Mundo” de Poomsae 2026 (do 16 ao 20 de setembro en Chuncheon, Corea do Sur) non só para o club pontevedrés, senón que “estes días estarán adestrando deportistas procedentes de dez países europeos” como a Alemaña, Croacia, Dinamarca, Francia, Hungría, Inglaterra, Irlanda ou Portugal.
O vicepresidente provincial asegurou que “cousas como esta non suceden por casualidade, senón porque temos clubs con ambición e instalacións deportivas de primeira categoría, e porque temos unha provincia que entende o deporte como unha oportunidade”. Rafa Domínguez sinalou que “ao sermos capaces de atraer talento chegado de todas as partes do mundo ata esta cidade, estamos reforzando esa posición da provincia como un grande escenario para o deporte”. O vicepresidente agradeceu o Club Hebe porque “captar todos eses grandes deportistas non fala só de ambición senón de confianza, de respecto e de prestixio do club”.
O vicepresidente estivo acompañado na presentación pola directora de Deportes, Xisela Aranda, que lembrou que as instalacións da Deputación están abertas á concentración de máis clubs da provincia, como fixo o Club Ciclista Rías Baixas a comezos deste ano. Ademais, a directora fixo un repaso polos investimentos que a Deputación está a realizar no pavillón de Príncipe Felipe, cos 46.000 € recentemente aprobados para dotalo dun itinerario accesible e de aseos adaptados ou o proxecto dotado de 1,4 millóns de euros que se destinarán á reforma e modernización integral do pavillón, todo iso dentro dun paquete de 5,5 millóns destinados ao complexo coincidindo coa conmemoración do medio século desde a súa apertura.
Entre os días 24 e 29 de agosto, xuntaranse en Príncipe Felipe no Summer Camp Elite Poomsae figuras como Eva Sandersen, unha das grandes referentes internacionais da modalidade; o medallista mundal Benjamin Hellegard, que ademais impartirá clases; ou a portuguesa Eduarda Ferraz, dobre campioa do mundo. “Desexamos que estes sexan uns días de moito traballo e de esforzo, e que todo iso se vexa reflexado nos resultados do Campionato do Mundo para o que vos estades a preparar”, asegurou Rafa Domínguez.
