A Deputación ultima os días para visitar no Museo de Pontevedra a exposición dedicada ao escritor José Ruibal, o pontevedrés clave na renovación do teatro do século XX

A mostra que homenaxea ao dramaturgo no centenario do seu nacemento pode verse no claustro do Edificio Sarmiento ata o domingo 18 de xaneiro

11/01/2026

Ata o próximo domingo 18 de xaneiro pódese visitar no claustro do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra a exposición ‘José Ruibal. Un escritor de centenario’. A mostra, comisariada por Xosé Enrique Acuña é un percorrido pola vida e a obra do autor pontevedrés, que foi un dos dramaturgos españois de maior proxección internacional da segunda metade do século XX, e do que no 2025 se cumpriron 100 anos do seu nacemento.

‘José Ruibal. Un escritor de centenario’  reúne numerosos documentos orixinais que axudan a reconstruír tanto a súa traxectoria vital coma o conxunto da obra literaria que realizou en castelán e en galego. A mostra articúlase por medio dun percorrido visual composto de numerosas fotografías de diversos aspectos da súa vida, ás que se suman carteis das súas obras teatrais, documentación familiar e imaxes das estreas que protagonizou por diferentes países.  Tamén se presenta unha selección da súa correspondencia con outras grandes figuras da literatura e da crítica, coma Buero Vallejo, Rafael Lapesa, Lázaro Carreter, Gabriel Celaya e Alonso Zamora Vicente, e documentos inéditos da súa relación de amizade con grandes actrices coma Nuria Espert e María Casares, co que se conforma unha aproximación ao gran número de intelectuais que José Ruibal tratou ao longo da súa vida.

No discurso expositivo ábrense espazos para lembrar episodios relativos ao seu activismo político antifranquista e a momentos que, xa tras a chegada da democracia, compartiu con literatos coma José Agustín Goytisolo, Alfonso Grosso e Caballero Bonald e, en Galicia, con Cuña Novás, Méndez Ferrín, Novoneyra e Bernardino Graña. Especial incidencia na exposición do Museo de Pontevedra ten o seu paso polos Estados Unidos, onde Ruibal foi traducido e estreado, e onde mesmo se asentaría durante varios anos. Desta etapa móstranse diversos documentos gráficos que acreditan a importancia que acadou a súa obra teatral nos circuítos universitarios aos que foi convidado e mais tamén da relevancia do seu paso polo Actor’s Studio, mítica academia de Nova York onde coincidiu con Frank Corsaro e Norman Mailer.

A súa intensa relación con grandes figuras coma Laxeiro, Luis Seoane, Isaac Díaz Pardo e Rafael Alberti teñen un lugar propio na exposición mediante obras artísticas. Tamén os seus primeiros pasos como poeta e xornalista en Pontevedra ao lado dos seus compañeiros da Colección Benito Soto, encabezada polo seu amigo Sabino Torres, que lle publica en 1950 El dios de los precipicios, o seu primeiro libro de poesía, con ilustración do pintor Rafael Alonso.

Forman tamén parte da mostra unha serie de orixinais literarios que van desde La máquina de pedir e El hombre y la mosca, as súas obras de maior sona, ao mecanoescrito orixinal do texto no que se recollen os seus días como preso político no cárcere de Vigo en 1962 e obras de arte que pertenceran á súa colección pictórica persoal, materiais que se completan con exemplos da recepción crítica que a súa obra recibiu por parte de recoñecidos hispanistas e unha selección das revistas estranxeiras onde se publicaron e traduciron as súas pezas dramáticas. En clave audiovisual, recupérase unha ampla entrevista televisiva realizada en 1990 na que Ruibal, malia os anos pasados fóra de Galicia, se expresa no seu galego materno.