A Deputación pecha esta fin de semana en Pontevedra e Silleda os percorridos do programa provincial +Bosques
O río Lérez e a contorna do mosteiro de Carboeiro acollen as últimas saídas do ano deste programa, que promove o contacto directo coa natureza a través da modalidade de baños de bosque
24/09/2026
A Deputación de Pontevedra pecha esta fin de semana, con todas as prazas esgotadas, os percorridos do programa +Bosques do 2026, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos baños de bosques. As actividades, con dúas quendas por día, terán lugar este sábado 26 de setembro polo río Lérez, en Pontevedra, e este domingo 27 de setembro na contorna do mosteiro de Carboeiro, en Silleda. As actividades teñen todas as prazas esgotadas, coa participación dun total de 60 persoas.
O sábado será a quenda dos grupos que visitarán o val do río Lérez, desde a estación de bombeo próximo á Ponte de Ferro de Monte Porreiro, continuando por unha pequena praia fluvial de auga calma preto de onde fai un século se atopaba o balneario Casimiro Gómez, famoso pola auga medicinal. O paseo continúa polo sendeiro norte ata chegar a unha zona de carballeiras, e ascende o río dos Fontáns ata unhas pequenas fervenzas que crean pozas de auga cristalina. O domingo, as persoas que visiten a contorna do mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro poderán percorrer a ribeira do río Deza, que conta cunha foresta autóctona e unha senda botánica na que se atopa unha ponte que se caracteriza por unha lenda do demo moi propia do folclore autóctono galego.
Esta edición de +Bosques inclúe rutas en sete espazos da costa e o interior da provincia para coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas proporcionan ás persoas participantes unha experiencia de conexión directa en e coa natureza nas que se promove a estimulación sensorial con exercicios físicos e psicolóxicos, co fin de comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.