A Deputación leva esta fin de semana ata Pontevedra e Valga percorridos do programa provincial +Bosques
O Pazo de Lourizán e a contorna das fervenzas de Parafita e Raxoi acollen novas saídas deste programa provincial que promove o contacto directo coa natureza a través da modalidade de baños de bosque
10/09/2026
A Deputación de Pontevedra continúa esta fin de semana, con todas as prazas esgotadas, os percorridos de setembro do programa +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos baños de bosques. As actividades, con dúas quendas por día, terán lugar este sábado 12 de setembro no Pazo de Lourizán e o domingo 13 continuarán pola contorna das fervenzas de Parafita e Raxoi, con todas as prazas esgotadas e a participación dun total de 60 persoas.
Deste xeito, o sábado será a quenda dos grupos que visitarán o Pazo de Lourizán, un espazo que destaca polo seu xardín botánico “Arboretum”, creado en 1949 cunha finalidade investigadora, didáctica e recreativa. Pola súa banda, o domingo os percorridos terán lugar a carón das fervenzas de Parafita e Raxoi, en Valga, unha ruta a través de densos bosques de ribeira e pasarelas de madeira, con fervenzas, antigos muíños restaurados e un tapiz de vexetación exuberante.
Esta edición de +Bosques inclúe rutas en sete espazos da costa e o interior da provincia ata setembro para coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas proporcionan ás persoas participantes unha experiencia de conexión directa en e coa natureza nas que se promove a estimulación sensorial con exercicios físicos e psicolóxicos, co fin de comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.
+Bosques remata a súa edición de 2026 este mes de setembro e faino con todas as prazas esgotadas. Ademais desta fin de semana, este mes quedan percorridos polo parque natural do río Barosa (Barro) o 19 de setembro, polo río Maneses (O Campo Lameiro) o 20 de setembro, pola contorna do río Lérez (Pontevedra) o 26 de setembro, e polo mosteiro de Carboeiro (Silleda) o 27 de setembro.