A Deputación levará 25 empresas turísticas da provincia aos workshops que se celebrarán en Zaragoza e Barcelona no mes de outubro

A Deputación conseguiu impulsar 1.700 encontros de negocio nos workshops organizados o pasado ano en Málaga e Madrid

29/08/2025

Conferencia de prensa de Luis López

25 empresas turísticas da provincia participarán nos workshops que a Deputación de Pontevedra organiza en Zaragoza e Barcelona os próximos días 29 e 30 de outubro. O presidente Luis López fixo o anuncio este venres en conferencia de prensa, onde sinalou a importancia destes encontros para "poñer en contacto as empresas pontevedresas con profesionais de importantes zonas emisoras de visitantes". O presidente da Deputación sinalou o "grande éxito" desta iniciativa da Deputación, na que "sempre esgotamos todas as prazas dispoñibles e temos unha longa lista de agarda", e vaticinou que "esta seguirá sendo a tónica nos próximos encontros que organizaremos".

Os workshops de turismo permitirán que a Deputación, da man do sector, poida "seguir impulsando a promoción do noso destino turístico, principalmente entre axencias de viaxes debido ao seu papel esencial". Nestes encontros, nos que as empresas "poden presentar a oferta turística das Rías Baixas en mercados estratéxicos", participarán 25 firmas da provincia de Pontevedra que representan "aloxamentos, servizos de intermediación turística, ofertas de turismo activo, adegas e outros servizos vencellados ao turismo", informou Luis López.

O presidente da Deputación de Pontevedra sinalou que "estas 25 empresas poderán manter encontros profesionais con máis dun centenar de axentes emisores, xerando oportunidades de negocio real e de impacto inmediato que nos permiten consolidar unha demanda máis diversificada e desestacionalizada". Os workshops enmárcanse na estratexia de difusión do destino Rías Baixas e van na liña da campaña de promoción turística de 2025, Cando volves? A Deputación levou as anteriores edicións dos workshops a Alacante e Barcelona, en 2023, e a Málaga e Madrid, en 2024. Soamente o ano pasado se impulsaron un total de 1.700 encontros de negocio.

videos

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.