A Deputación lanza a segunda edición das axudas para as agrupacións de Protección Civil da provincia, dotada con 100.000 €
Luis López: “O noso obxectivo, con esta liña de axudas, é seguir mellorando a calidade dos servizos de protección civil dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, modernizándoos para que continúen a ser agrupacións punteiras e de referencia no noso territorio”
08/05/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a segunda edición da liña de axudas dotada con 100.000 € para as agrupacións de Protección Civil dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. “O noso obxectivo, con esta liña de axudas, -asegurou o presidente Luis López- é seguir mellorando a calidade dos servizos de protección civil dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, modernizándoos para que continúen a ser agrupacións punteiras e de referencia no noso territorio”.
Esta liña de axudas repartirá entre 1.000 e 5.000 euros por cada agrupación e permitirá subvencionar, tal e como explicou López, desde maquinaria ata ferramentas de rescate e salvamento, mobiliario para o local da agrupación, equipos informáticos, equipos de comunicación e dispositivos móbiles, material de seguridade viaria, material sanitario inventariable ou EPIs. O prazo para solicitar estes recursos, que aproba por segundo ano a Deputación de Pontevedra, será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación das bases das axudas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
O pasado ano beneficiáronse desta liña de axudas 22 agrupacións de Protección Civil dos concellos de Agolada, Caldas de Reis, Cambados, Cangas de Morrazo, Cerdedo Cotobade, Cuntis, Dozón, Lalín, Meis, Mondariz, Moraña, Poio, Portas, O Porriño, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Tomiño, Tui, Valga, Vilagarcía e Vilanova de Arousa, con recursos que oscilaron entre os máis de 2.000 e os 5.000 € por entidade.
