Luis López anuncia a posta en marcha da segunda edición de En plan ben para poñer o foco de novo na saúde mental e o benestar emocional da mocidade
A proposta duplica o seu orzamento ata chegar aos 85.000 euros e ofertará 65 accións formativas para centros educativos da ESO, Bacharelato e Formación Profesional básica dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia
09/10/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que a Xunta de Goberno acaba de aprobar as bases da segunda edición do programa En plan ben: Aulas saudables, impulsado polo servizo de Xuventude para, en palabras do presidente provincial, “poñer o foco en algo tan importante como é a saúde mental e o benestar emocional da mocidade”.
En plan ben dobra este ano a súa dotación económica respecto á súa primeira edición, pasando así a un orzamento de 85.000 euros, e ofertará un total de 65 accións formativas para centros educativos da ESO, Bacharelato e Formación Profesional básica dos concellos de menos de 50.000 habitantes. As actividades, tal e como informou Luis López, están deseñadas para os diferentes grupos da comunidade educativa, tanto alumnado como profesorado e familias.
Para o alumnado a Deputación ofertará obradoiros de 10 horas sobre autolesións, prevención de condutas de suicidio, trastornos de conduta alimentaria, acoso escolar, pornografía ou substancias abusivas, entre outras temáticas. Para o profesorado os obradoiros serán de 4 horas e buscan proporcionarlle ferramentas e coñecementos prácticos para xestionar o benestar emocional do alumnado. Finalmente, as familias contarán con obradoiros de 2 horas nos que se abordarán recursos para a prevención en materia de saúde mental no fogar.
A previsión é que as bases se publiquen no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra o próximo 15 de outubro e os centros interesados poderán formalizar a súa solicitude entre o 26 de outubro e o 4 de decembro. O programa desenvolverase durante o curso 2027/2028, a partir do mes de setembro.
