Luis López presenta Entre Pontes Trail & Running, o novo circuíto provincial de carreiras populares que levará o deporte para todos cun investimento de 280.000 euros

Trátase dun programa que contará con seis xornadas en diferentes comarcas da provincia, tres carreiras de 10 quilómetros e tres probas de trail de 14 quilómetros

17/04/2026

Luis López presenta Entre Pontes Trail & Running, o novo circuíto provincial de carreiras populares que levará o deporte para todos cun investimento de 280.000 euros

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de anunciar a posta en marcha de Entre Pontes Trail & Running, un novo circuíto deportivo provincial que percorrerá diferentes comarcas ao longo de todo o ano, “co obxectivo de achegar o deporte á cidadanía e fomentar hábitos de vida saudables”.

Este novo programa, que conta cun orzamento de 280.000 euros, chegará a diferentes comarcas da provincia e estará composto por un total de seis xornadas, que combinarán tres carreiras urbanas de 10 quilómetros e outras tres probas de trail de 14 quilómetros.

O presidente puxo o foco no carácter integrador de Entre Pontes, xa que cada unha das citas incluirá tamén andainas e actividades dirixidas ao público infantil. “Non falamos só de competición, senón de crear espazos de encontro e convivencia arredor do deporte”, sinalou. Neste sentido, destacou que o programa busca implicar a persoas de todas as idades e condicións, convertendo cada xornada nun evento aberto á participación cidadá e cunha clara vocación social.

Ademais, López subliñou o impacto positivo que terá esta iniciativa no territorio, pois “contribuirá a dinamizar o comercio local e impulsar o turismo deportivo de proximidade nas localidades nas que se desenvolvan as probas”. Entre Pontes Trail & Running nace coa vocación de “converterse nun referente do deporte popular na provincia e de seguir facendo de Pontevedra un territorio activo, saudable e conectado a través do deporte”, concluíu o presidente.

Trail entre Castelos

Luis López lembrou que esta fin de semana terá lugar o trail Entre Castelos, “unha iniciativa que tivo unha grandísima acollida e que contará con máis de 800 participantes”, e que conectará a través dunha carreira a pé de case 26 quilómetros as dúas fortificacións de titularidade provincial, o Castelo de Sobroso, en Mondariz, e o Castelo de Soutomaior. Unha proba deseñada para o desfrute en familia, que une deporte, patrimonio e promoción do territorio e ofertará unha fin de semana chea de actividades na provincia de Pontevedra.

O Castelo de Soutomaior acollerá mañá sábado a xornada de recollida de dorsais, así como unha sesión de actividades infantís, o trail no que participan 75 nenas e nenos e a conferencia de Pablo Dapena. Pola súa banda, o domingo arrancará ás 10:00 horas o trail desde o Castelo de Sobroso, con 500 persoas inscritas, e arredor do Castelo de Soutomaior terá lugar unha andaina na que se darán cita outras 200 persoas. “En definitiva, unha proba que vai unir dúas xoias das Rías Baixas e nos vai permitir seguir promocionando e posicionando a Pontevedra como a provincia do deporte”, concluíu o presidente provincial

audios