Luis López salienta que a Deputación impulsará ata 90 actuacións nos concellos por valor de 8 millóns de euros ao abeiro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
Distribuiranse entre os preto de 80.000 € de Mondariz-Balneario e os 312.000 € de Vilagarcía de Arousa que, novamente, se converte no concello da provincia que máis recursos recibe no marco do plan
09/01/2026
Luis López salienta que a Deputación de Pontevedra impulsará ata 90 actuacións nos concellos de menos de 50.000 habitantes por valor de 8 millóns de euros ao abeiro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Distribuiranse, tal e como destacou o presidente provincial, entre os preto de 80.000 € de Mondariz-Balneario e os 312.000 € de Vilagarcía de Arousa que, novamente, se converte no concello que máis recursos recibe no marco deste plan.
A Deputación de Pontevedra, tal e como informou López, pechou esta mesma semana o prazo de presentación de solicitudes para optar aos 8 millóns de euros do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Con estes recursos, os concellos da provincia con poboación inferior aos 50.000 habitantes van impulsar novas instalacións deportivas, ademais de investimentos para modernizar e mellorar as existentes, dotar de equipamento estes espazos ou adquirir terreos para uso deportivo.
Ao detalle, para esta terceira edición do plan os concellos solicitaron 90 actuacións que abranguen, segundo detallou o presidente, desde a construción de novos espazos deportivos como pistas de pádel ou de tenis, pump tracks ou multideportivas; ata obras en campos de fútbol e pavillóns para substituír céspede artificial, acondicionar vestiarios e aseos, realizar mantemento, instalar cubertas e gradas, rotular ou realizar peches e muros; a dotación de mobiliario, material deportivo e audiovisual para recintos deportivos e ximnasios; a realización de obras de mellora da eficiencia enerxética e acústica; a reparación de pistas de atletismo e piscinas; a reforma de edificios para construír ximnasios e ampliar instalacións deportivas; e, entre outras moitas iniciativas, a instalación de puntos de reparación e limpeza de bicicletas.
