A Deputación destina preto de 1,6 millóns de euros aos concellos do Salnés e Arousa no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
Os concellos da contorna do Salnés e Arousa solicitaron poñer en marcha máis de 20 actuacións para mellorar infraestruturas deportivas municipais con estes recursos provinciais
10/01/2026
A Deputación pechou esta semana o prazo de presentación de solicitudes para optar aos 8 millóns de euros do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Un plan que permitirá aos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia impulsar este ano preto de 90 actuacións que abranguen desde novas instalacións deportivas municipais ata a mellora e modernización das existentes ou a subministración de mobiliario e material para a práctica do deporte. No caso da contorna do Salnés e Arousa, o organismo destina preto de 1,6 millóns de euros a Cambados, Catoira, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Pontecesures, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilagarcía e Vilanova de Arousa, que solicitaron poñer en marcha máis de 20 actuacións para mellorar infraestruturas deportivas municipais.
Vilagarcía de Arousa, con máis de 312.000 € volve ser o concello que máis fondos recibe do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Con estes recursos, o goberno local vai impulsar cinco actuacións: a subministración e instalación de bancadas no campo de fútbol Manuel Jiménez Abalo, a reposición de muros de peche nos campos de fútbol municipais de A Pelada e Vilaxoán, a subministración dunha caseta para o estadio de atletismo, un videomarcador para a pista do pavillón municipal Sara Gómez e a renovación das luminarias con tecnoloxía led en instalacións deportivas.
Pola súa banda, Sanxenxo recibe preto de 188.000 € para poñer en marcha catro actuacións: as obras de vestiarios nos campos de fútbol de Noalla, Vilalonga e Portonovo, a reparación da grada do campo de fútbol de Noalla, a instalación de gradas no pavillón de Nantes e o acondicionamento e ampliación da pérgola para cubrir as gradas no campo de fútbol de Baltar.
A Deputación destinará preto de 161.500 € a Cambados para substituír a cuberta e renovar o pavimento deportivo do Pombal e ao Grove 143.000 € para a mellora da área de xogo do campo de fútbol Monte da Vila. No caso de Vilanova de Arousa, serán 139.000 os euros que recibirá a vila para financiar a renovación do céspede artificial no campo de fútbol da S.D. Chispa, que conta cun orzamento de máis de 216.000€, e Valga recibirá preto de 111.000 € para mellorar o alumeado e a nova pista de tenis na área deportiva de Campaña.
Meaño beneficiarase de máis de 108.000 € para o proxecto de acondicionamento acústico do pavillón polideportivo de Xil; Ribadumia de preto de 108.000 € para o proxecto técnico de reforma e mellora dos vestiarios e das instalacións do campo de fútbol; a Illa de Arousa de preto de 105.500 € para a rehabilitación, impermeabilización e mellora das instalacións do edificio náutico-deportivo e Meis de máis de 104.500 € para a construción de pistas deportivas.
Pola súa banda, Catoira recibirá máis de 95.500 € cos que impulsará tres actuacións de acondicionamento dos vestiarios do campo de fútbol municipal, do pavillón municipal e do club de piragüismo. No caso de Pontecesures, beneficiarase de máis de 94.400 € para financiar parte das obras de adecuación e mellora das edificacións auxiliares do campo de fútbol Ramón Diéguez, que contan cun orzamento total de máis de 128.000 €.