A Deputación avanza na transformación de Baiona con dous novos investimentos de máis de medio millón de euros do PAI Val Miñor 15 Minutos
Luis López anuncia a aprobación do proxecto para implantar un sistema intelixente de control do tráfico e videovixilancia, dotado con preto de 180.000 euros, e a adxudicación por 340.000 euros da reforma da rúa Hortas Reais para convertela nunha nova praza pública
06/11/2026
A Deputación de Pontevedra continúa avanzando no desenvolvemento do PAI Val Miñor 15 Minutos, o proxecto de transformación dos concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar coordinado pola institución provincial e financiado con fondos europeos. Neste marco, o presidente Luis López anunciou que a Xunta de Goberno aprobou hoxe dous novos investimentos que beneficiarán directamente a Baiona e que suman máis de medio millón de euros.
Desta maneira, por unha banda, aprobouse o proxecto de obra para a instalación dun sistema de control do tráfico no núcleo urbano e de accesos ao casco histórico, cun investimento de preto de 180.000 euros. A actuación permitirá mellorar a mobilidade, a seguridade e a sustentabilidade da vila mediante a instalación de cámaras lectoras de matrículas en catro puntos de entrada ao casco histórico (praza Pai Fernando, rúa Diego Carmona, rúa San Xoán e rúa Porta da Vila), co obxectivo de limitar o acceso aos vehículos autorizados mediante semáforos que regularán o acceso. Ademais, colocaranse outras dúas cámaras lectoras de matrículas nos accesos da PO-552, na conexión coa rúa Herminio Ramos e na rotonda ao final da rúa Tomás Mirambell.
O proxecto inclúe tamén seis cámaras intelixentes para coñecer en tempo real a afluencia de persoas ao casco histórico e controlar os aforos, co obxectivo de mellorar momentos de grande afluencia, como a Festa da Arribada ou a tempada estival, así como 21 cámaras de videovixilancia distribuídas polo casco histórico e distintos puntos do núcleo urbano, co obxectivo de reforzar a seguridade, especialmente durante os eventos e as celebracións con maior concentración de persoas.
Por outra banda, Luis López detallou a adxudicación, por 340.000 euros, das obras de reforma da rúa Hortas Reais. O obxectivo é transformar esta vía de transición nunha nova praza pública, gañando espazo para as persoas e reducindo o protagonismo dos vehículos. Para iso, crearase unha plataforma única e ampliarase o espazo peonil ata os 430 metros cadrados, ao tempo que se restrinxirá o tráfico rodado. A nova praza contará con zonas axardinadas, árbores e bancos. A intervención completarase coa renovación das tubaxes de saneamento e abastecemento e o soterramento do cableado aéreo.
