Luis López anuncia a aprobación de preto de 610.000 euros do Plan +Provincia para os concellos de Cambados, Sanxenxo e Vilanova de Arousa

O presidente detallou que Sanxenxo recibirá 125.000 € para a reforma do Paseo de Silgar, Vilanova de Arousa 370.000 € para o proxecto de rexeneración de espazos urbanos e Cambados 90.000 € para a súa programación cultural, deportiva e social e 210.000 € para contratar a 19 persoas desempregadas

15/05/2026

Luis López anuncia a aprobación de preto de 610.000 euros do Plan +Provincia para os concellos de Cambados, Sanxenxo e Vilanova de Arousa

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno novas achegas do Plan +Provincia 2026-2027 para os concellos de Cambados, Sanxenxo e Vilanova de Arousa por valor de preto de 610.000 euros. Como explicou o presidente provincial, Luis López, na liña 1 de investimentos Sanxenxo recibirá 125.000 euros para a reforma do Paseo de Silgar, Vilanova de Arousa 370.000 € para completar o financiamento do proxecto de rexeneración de espazos urbanos. Ademais, Cambados contará con 90.000 € da liña 2 de gasto corrente para a súa programación cultural, deportiva e social e 210.000 € para contratar a 19 persoas desempregadas ao abeiro da liña 3.

Máis polo miúdo, os 125.000 euros que recibe o Concello de Sanxenxo permitirán financiar parte do proxecto de pavimentación da rúa Vigo, o Paseo Praia de Silgar e o camiño de Baltar, así como a reordenación do tráfico do Paseo desde a rotonda de Baltar. En concreto, ampliarase a beirarrúa do paseo para darlle unha maior extensión aos peóns, mellorando a accesibilidade e reordenando os espazos de aparcamento. Ademais, reordenarase o acceso desde a estrada PO-308 e mellorarase o cruce do Paseo e a rúa de Vigo e eliminarase o estreitamento existente no Camiño de Baltar, onde tamén se mellorará a incorporación de vehículos cara á PO-308. Por último, levaranse a cabo actuacións para reducir a velocidade, reordenaranse os cruces e reporase a sinalización vertical e horizontal.

No caso de Vilanova de Arousa os 370.000 € permitirán financiar a achega municipal do proxecto de rexeneración de espazos urbanos, que recibiu xa 900.000 € do Plan Extra 2025, de tal forma que é unha obra financiada ao 100% pola Deputación. O proxecto contempla actuacións nas rúas Valle Inclán, Agustín Jambrina, San Mauro e Laxe, na que se procederá a repoñer firmes, beirarrúas e mellorar a accesibilidade, así como mellorar as diferentes redes de servizos municipais.

Por último, cos 90.000 € da liña 2 Cambados financiará actividades de enoturismo, de clown e circo, a carreira popular de Cambados 10KM, diversas iniciativas turísticas, as verbenas da LXXIV Festa do Albariño, o programa Natur Cambados 2026, a IV Feira de ProdutorAs, en Feminino, e a atención á diversidade funcional e sanidade no ano 2026. E cos 210.000 euros da liña 3 contratará a 7 operarios de servizos, 6 monitores de ocio e tempo libre, 1 peón laceiro, 1 limpador, 1 técnico de administración, 1 analista de comercio, 1 supervisor de instalacións deportivas e 1 técnico de xestión forestal e do medio natural.

Luis López lembrou que o Plan +Provincia 2026-2027 está dotado de 85 millóns de euros. “Seguimos sumando recursos destes 85 millóns, o que fan deste o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da nosa historia”, asegurou o presidente da Deputación.

audios