Luis López anuncia o reparto de 1 millón de euros do +Provincia para Crecente, Gondomar, Mos, Ponteareas e Tui
O presidente provincial detallou que ao abeiro da liña 1 Crecente recibirá preto de 90.000 €, Gondomar 400.000 €, Mos 215.000 €, Ponte Caldelas 120.000 € e Ponteareas 145.000 €, e Tui contará con preto de 140.000 € da liña 2
15/05/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López anunciou que a Xunta de Goberno da institución provincial aprobou hoxe destinar 1 millón de euros das liñas 1 e 2 do Plan +Provincia 2026-2027 para os concellos de Crecente, Gondomar, Mos, Ponteareas e Tui. En concreto, ao abeiro da liña 1 de investimentos, Crecente recibirá preto de 90.000 euros, Gondomar 400.000 euros, Mos 235.000 euros, Ponte Caldelas 120.000 euros e Ponteareas 145.000 euros. Pola súa banda, Tui contará con preto de 140.000 euros da liña 2 de gasto corrente.
Máis polo miúdo, Crecente destinará os 90.000 € a facer fronte a achega municipal das obras de instalación de céspede artificial no campo de fútbol, un proxecto que inclúe tamén a instalación de novo equipamento deportivo (porterías, bancos, redes, marcador electrónico) e que recibira xa 500.000 € do Plan Extra. Deste xeito, a institución provincial financiará con preto de 600.000 € o 100% desta actuación.
O mesmo aconteceu co Concello de Gondomar, que acaba de recibir 400.000 € do +Provincia para cubrir a achega municipal para adecuar a vía e mellorar servizos para a creación dun itinerario peonil en Borreiros, unha actuación que ascende aos 1,3 millóns de euros e que será financiada integramente pola Deputación grazas a 900.000 € do Plan Extra 2025.
No caso de Mos, contará con 215.000 € do Plan +Provincia para as obras de mellora da contorna da igrexa de Sanguiñeda, que inclúe a recuperación para uso peonil da explanada existente fronte á entrada da igrexa. Unha actuación que conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros e que se completa con 900.000 € do Plan Extra 2025 e 85.000 € que aporta o Concello.
Ao abeiro da liña 1 tamén se aprobaron 145.000 € para que Ponteareas mellore a eficiencia enerxética da envolvente e amplíe unha piscina, unha actuación cun orzamento de 1,5 millóns de euros e que tamén financia a Deputación ao 100% grazas a 1,1 millóns de euros do Plan Extra 2025. Por último, na liña 2, Tui recibe 140.000 euros para o servizo de roza e limpeza nas marxes das vías de titularidade municipal
Luis López lembrou que o Plan +Provincia 2026-2027 está dotado de 85 millóns de euros. “Seguimos sumando recursos destes 85 millóns, o que fan deste o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da nosa historia”, asegurou o presidente da Deputación.
