A Deputación aproba preto de 600.000 € do Plan +Provincia para os concellos de Agolada, Bueu, Dozón e Nigrán

Bueu recibirá 215.000 € para a instalación dunha rede separativa para a EBAR de Beluso, e Dozón dúas achegas para mellorar o saneamento de Sa e para prestar os servizos de recollida de residuos sólidos urbanos e o de atención á infancia

09/10/2026

A Deputación aproba preto de 600.000 € do Plan +Provincia para os concellos de Agolada, Bueu, Dozón e Nigrán

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno achegas por valor de preto de 600.000 euros para os concellos de Agolada, Bueu, Dozón e Nigrán no marco do Plan +Provincia 2026-2027. O presidente provincial, Luis López, anunciou que Nigrán recibirá 85.000 €, Dozón 110.000 €, Agolada arredor de 170.000 € e, por último, Bueu recibirá unha achega valorada en 215.000 €.

En Nigrán, os recursos provinciais dedicaranse á construción e prolongación dunha beirarrúa na rúa San Roque, co fin de conectala coa existente na rúa dos Pazos. Para resolver os desniveis do terreo, será necesario executar un muro de contención trala preparación e acondicionamento do terreo. A actuación completarase coa pavimentación da nova beirarrúa e coa adecuación dos encontros coa calzada e cos accesos próximos.

No caso de Dozón, o obxectivo é renovar e mellorar as rúas interiores do lugar de Riazó. Para iso retirarase o pavimento nas zonas máis danadas e acondicionaranse aquelas nas que sexa posible aproveitalo. A actuación tamén permitirá mellorar a evacuación das augas pluviais, evitando que se acumulen nas entradas das vivendas, e renovar as instalacións de abastecemento de auga e evacuación que poidan verse afectadas.

Agolada contará con 170.000 euros a través de dúas achegas. 85.000 € serán dedicados aos servizos de recollida de residuos sólidos urbanos, por unha banda, e o de xestión e atención socioeducativa no punto de atención á infancia, pola outra. Ademais, contará con outra axuda de 85.000 € para a mellora e renovación da rede de saneamento do lugar de Sa. Retiraranse as tubaxes e pozos que se atopan en peor estado, así como a depuradora actual, que presenta danos e está provocando verteduras ao río. No seu lugar instalarase unha nova rede de saneamento e unha nova depuradora de augas residuais.

No caso de Bueu, o proxecto de instalación dunha rede separativa para a EBAR de Beluso busca mellorar a rede de saneamento desta zona, separando as augas pluviais das residuais para evitar que as primeiras cheguen ao bombeo e reducir así os problemas de verteduras. Para iso, construiranse novas canalizacións co fin de recoller e conducir as augas da chuvia cara ao punto de desaugue, mantendo o bombeo só ás augas residuais. Tamén se reformará o punto de conexión, mellorarase o sistema de control e seguimento do bombeo e realizaranse as actuacións necesarias para adaptar as conexións actuais. Finalmente, repoñeranse os pavimentos afectados polas obras.

“Seguimos así avanzando na repartición deste plan, que está dotado de 85 millóns de euros e é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, afirmou o presidente provincial, Luis López.

audios