Luis López constata o éxito da aposta da Deputación polo tecido asociativo: case 900 colectivos solicitan axudas dos Plans de Acción Comunitaria para 2026
O presidente deu conta do interese do movemento veciñal logo de rexistrar 404 solicitudes para a liña +Aqua, 349 para o Plan Provincia Comunitaria de asociacións e 100 solicitudes para regularizar traídas ao abeiro do +Novaqua
10/04/2026
Unha vez pechado o prazo de solicitude das convocatorias dos Plans Provincia Comunitaria, +Aqua e +Novaqua, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de confirmar que foron 900 as solicitudes recibidas para optar aos fondos destes plans de Acción Comunitaria que poden destinar ata 10.000 € por entidade. “Haberá que analizar todas as solicitudes -asegurou o presidente- para ver se cumpren os requisitos, pero esta cifra volve confirmar, por se alguén aínda tiña dúbidas, que despois dunha etapa na que os colectivos veciñais estaban marxinados, hoxe teñen na Deputación á casa das asociacións”.
Destas 900 solicitudes, 404 optan á liña de axudas dirixida ás comunidades de augas, +Aqua; 349 á dirixida a fortalecer o tecido asociativo, o Plan Provincia Comunitaria; e 100 á liña +Novaqua, para regularizar as traídas de augas. Sen ter en conta estas solicitudes, ata a data, a estreita cooperación co movemento veciñal tradúcese nun investimento de 11,4 millóns de euros, “o que nos consolida como un apoio sólido, un aliado leal e os principais valedores do movemento asociativo do conxunto da provincia”, subliñou o presidente.
Sen contar as solicitudes rexistradas este ano, beneficiáronse do Plan Provincia Comunitaria máis de 400 asociacións da provincia para realizar obras nos locais e dotalos de equipamentos. Ademais, 439 comunidades de usuarios de augas recibiron recursos do Plan +Aqua para mellorar os sistemas de abastecemento e 70 do Plan +Novaqua para regularizar as traídas de augas.
