A Deputación aproba unha achega de 64.200 € do Plan +Provincia para que o Concello de Covelo mellore pavimentos en camiños municipais de Maceira e Barcia de Mera
A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobou esta semana destinar máis de 400.000 € para Covelo, Poio e Tomiño ao abeiro do +Provincia, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da Deputación, dotado con 85 millóns de €
27/03/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar destinar 64.200 € ao Concello de Covelo para mellorar o pavimento de camiños municipais en Maceira e Barcia de Mera. O presidente provincial Luis López confirmou que estes recursos forman parte dos máis de 400.000 € aprobados esta semana en Xunta de Goberno do organismo con destino, ademais de a Covelo, a Poio e Tomiño ao abeiro do +Provincia, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da Deputación, dotado con 85 millóns de €.
En liñas xerais, cos recursos provinciais vaise executar unha obra completa, mellorando a drenaxe, a pavimentación e a seguridade viaria na Rúa Pedredo-Vilanova, en Maceira, e na Pista da Fábrica en Redondo, en Barcia de Mera. Ambas vías presentan, na actualidade, un firme en mal estado de conservación. Deste xeito, nestes espazos executarase unha nova pavimentación, pintaranse as marxes e instalaranse sinais de Stop.
Tanto en Maceira como en Barcia de Mera realizaranse traballos dirixidos a mellorar drenaxe dos camiños, coa limpeza de cunetas e de marxes dos camiños. Ademais, construiranse novas cunetas, para evitar que as augas pluviais circulen pola capa de rodaxe, e rematarase a actuación cunha nova capa de pavimento asfáltico.
