A Deputación promove o próximo luns unha xornada para o sector turístico centrada na eclipse solar do 12 de agosto no marco de Baixo o ceo das Rías Baixas
A xornada terá lugar entre as 10:00 e as 13:00 horas no Palacete das Mendoza e contará cunha explicación da eclipse solar, o avance de novidades no marco do produto turístico Baixo o ceo das Rías Baixas e unha práctica in situ de observación solar no exterior
14/04/2026
A Deputación de Pontevedra organiza o próximo luns 20 de abril entre as 10:00 e as 13:00 horas unha xornada para o sector turístico centrada na eclipse solar do 12 de agosto no marco de Baixo o ceo das Rías Baixas e da man da Fundación Ceo. A xornada, que será inaugurada polo deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, terá lugar no Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, e contará cunha explicación da eclipse solar, o avance de novidades no marco do novo produto de astroturismo deseñado polo organismo provincial e unha práctica in situ de observación solar no exterior. Esta actividade completarase con outra arredor do acontecemento astronómico que estará dirixida a técnicas e técnicos de turismo e terá lugar o 30 de abril en Forcarei.
O obxectivo principal da Deputación de Pontevedra é impulsar unha xestión ordenada do astroturismo e coordinar ao sector turístico co gallo da eclipse solar do vindeiro 12 de agosto. Para o organismo, a formación resulta clave para que empresas, oficinas de turismo e persoal técnico dispoñan de criterios comúns, información rigorosa e pautas de actuación ante un evento de grande afluencia, coa finalidade de que o sector poida organizar experiencias seguras e descentralizadas.
Na xornada, da man de Cintia Cabada, da Fundación Ceo, e de Ana Ulla, catedrática de astronomía e astrofísica da Universidade de Vigo, divulgarase o fenómeno do trío de eclipses dos anos 2026, 2027 e 2028, analizando as peculiaridades da observación diúrna e detallando cuestións relacionadas coa seguridade ocular. Ademais, tamén se explicará a rede de puntos de observación da eclipse solar na provincia de Pontevedra e o traballo cos concellos dentro do produto turístico Baixo o ceo das Rías Baixas, así como entregará material divulgativo. Posteriormente terá lugar unha saída ao exterior do Palacete das Mendoza para realizar unha práctica in situ de observación solar da man da Fundación Ceo. E a sesión concluirá cunha quenda para preguntas e debate co obxectivo de dar resposta e estudar as necesidades do sector arredor da eclipse solar.