A Deputación reflexiona no Museo de Pontevedra sobre a obra de José Freixanes co seu irmán Víctor Freixanes, Asunta Rodríguez e Mercedes Rozas

O Museo organiza este xoves 3 de setembro ás 19:00 horas un acto de lembranza do artista, que se completará cun recital de Alberto Avendaño o venres 25 de setembro

30/08/2026

A Deputación reflexiona no Museo de Pontevedra sobre a obra de José Freixanes co seu irmán Víctor Freixanes, Asunta Rodríguez e Mercedes Rozas

O Museo de Pontevedra organiza en setembro dúas xornadas arredor da figura de José Freixanes, o pintor pontevedrés falecido o ano pasado e ao que lle está a dedicar a exposición ‘José Freixanes, eternos son os soños. Obra pictórica 2006-2025’. A primeira terá lugar este xoves 3 de setembro cunha mesa redonda, e a segunda será o venres 25 de setembro cun recital poético.

O Edificio Castelao acollerá este xoves ás 19:00 horas a primeira das xornadas programadas. O escritor Víctor F. Freixanes, irmán do artista, fará unha intervención inicial, seguida dunha mesa redonda na que, ademais de Víctor Freixanes, participarán Asunta Rodríguez, directora da galería Trinta, e a crítica de arte Mercedes Rozas. A mesa redonda será moderada polo xornalista Ramón Rozas.

Víctor F. Freixanes é escritor, xornalista, editor e profesor universitario, unha das figuras máis destacadas das letras galegas contemporáneas. É autor de novelas de referencia como “O triángulo inscrito na circunferencia” (Premio Blanco Amor) e “A cidade dos Césares” (Premio Torrente Ballester). Foi director xeral de Edicións Xerais e de Editorial Galaxia e entre 2017 e 2025 presidiu a Real Academia Galega, da que é membro numerario desde 2004.

Asunta Rodríguez é licenciada en Historia da Arte pola USC, e propietaria e directora da Galería Trinta de Santiago de Compostela desde comezos dos anos noventa. Referente da arte contemporánea en Galicia, presidiu a Asociación Profesional de Galerías de Arte de Galicia e participou en numerosas edicións de ARCO, sendo recoñecida co premio á mellor galería española en 1995 e co premio MAV en 2016. Desde 2015 é membro numeraria da Real Academia Galega de Belas Artes.

Mercedes Rozas é historiadora da arte, crítica e comisaria de exposicións, con longa traxectoria vinculada á escena artística galega. Colaborou como crítica de arte en La Voz de Galicia e actualmente en Nós Diario. Comisariou numerosas mostras sobre arte galega, ademais de participar en diversas publicacións e xornadas.

Recital de poesía

A segunda xornada terá lugar o venres 25 de setembro ás 19:00 horas, de novo no Edificio Castelao. Será a cargo de Alberto Avendaño, que publicara en 2023 xunto a Xosé Freixanes o libro “Bueno carallo bueno”, no que dialogaban a poesía dun e a pintura do outro. Avendaño ten unha longa e contrastada traxectoria como xornalista, traballando en diferentes medios de Galicia e de España e, desde 1991, nos Estados Unidos. Como escritor, formou parte do grupo Rompente e en galego creou narrativa, teatro, literatura infantil e xuvenil e poesía, ademais de traducir á nosa lingua textos de Roal Dahl e Edgar Alan Poe, entre outros.

Visitas guiadas á exposición

Estas xornadas forman parte da programación paralela da exposición José Freixanes, eternos son os soños. Obra pictórica 2006-2025, aberta no Museo de Pontevedra do 23 de xullo ao 27 de setembro. Trátase dun achegamento á súa obra máis recente, na que a pintura conecta coa escritura e a costura cunha actitude curiosa aberta a outras culturas e sociedades. Inclúe 35 obras pictóricas de gran formato, en varios casos dípticos ou composicións de múltiples lenzos. Complétase ademais cunha serie de vinilos sobre a fachada principal do Edificio Castelao, e cunha instalación con po de arroz situada na zona acristalada da planta baixa do mesmo edificio.

O Museo organiza visitas guiadas á exposición a cargo do equipo de Educación do Museo, todos os domingos ás 12:00 horas. Todas as visitas son de balde e requiren inscrición previa a través do sitio web do Museo, museo.depo.gal.